Hai xa máis de tres anos que naceu o proxecto de Sermos Galiza, nun momento en que observabamos como o espolio atacaba vidas e ideas, pobo e identidade. A leis laborais convertéronse en cadeas, a sanidade pública entrou en coidados paliativos, o ensino veuse na obriga de saír fóra das aulas e explicar varios adxectivos: público, laico. 

Hai xa máis de tres anos que naceu o proxecto de Sermos Galiza, nun momento en que observabamos como o espolio atacaba vidas e ideas, pobo e identidade. A leis laborais convertéronse en cadeas, a sanidade pública entrou en coidados paliativos, o ensino veuse na obriga de saír fóra das aulas e explicar varios adxectivos: público, laico. A política dos gobernos convérteuse en mercenaria da banca, do capital que rouba o aforro do pobo, expulsa das súas casas a moita xente, a luz eléctrica é un luxo. Volve doernos máis a nosa xeografía mentres aínda berramos fóra celulosas, dicimos Corcoesco e non á mina. Ás veces chegamos a Melilla nos pés de quen só leva de equipaxe un mundo mellor, outras afogamos no Mediterráneo, outras mátannos a paus. O exterminio debuxa novas lindes nos mapas, aprendemos léxicos precisos que nos repiten cada día: prima de risco, recesión e sobre todo, resilencia. Hai que volver berrar alto e forte que queremos decidir sobre o noso corpo, que defendemos o aborto gratuíto e na seguridade social.  E a dúbida instálase ante certas palabras: Seguridade social? Europa? Temos a obriga de sinalar cada morte por violencia de xénero, anotar o nome das mulleres vítimas dese terrorismo que non conta, vítimas dunha guerra que non se pode librar só no doméstico, porque o privado é publico.

"Era preciso termos unha voz propia, unha voz para Sermos Galiza, unha voz que mostrase a imaxe da dignidade diante do traballo, diante das ilusións de cada día, a imaxe da mocidade que volve percorrer a terra na procura dun lugar onde instalar a vida, onde facer ciencia e investigar, onde prender".

Era preciso termos unha voz propia, unha voz para Sermos Galiza, unha voz que mostrase a imaxe da dignidade diante do traballo, diante das ilusións de cada día, a imaxe da mocidade que volve percorrer a terra na procura dun lugar onde instalar a vida, onde facer ciencia e investigar, onde prender. Era preciso mostrar as mans do agro galego que aínda existe, da mariscadora, do mariñeiro e facelo desde esas mans que acariñan terra e mares. É preciso Sermos Galiza para manter acesa a chama do idioma nos medios de comunicación, para testemuñar os ataques a ese idioma, á nosa identidade. Era e é precisa a voz de Sermos Galiza para estarmos no mundo, nós, Galiza, célula de universalidade.

A tarefa non era doada, non e é, e naceu dun proxecto colectivo, dos cartos de nós, que se foron achegando para rematarmos cunha felicidade inmensa aquel decembro do 2011. Na rúa o 26 de abril do 2012 e xa van alá tres anos e, como antes daquel decembro que lembro con alegría, volvo pedirvos que colaboredes para (re)cronstruírmos a casa común, para aloumiñala e defendela, para enchela de flores, porque a casa está en mans alleas, en mans de alleeiros e alleeiras, e nesas mans non debemos deixar o seu goberno. Pídovos como membra daquel grupo promotor que é preciso que sigades aí ou que vos acheguedes por vez primeira, non son tempos para o cansazo, non son tempos de deserción e a obra só pode mellorar co voso apoio.

"Aquí estamos cunha tarefa nada doada mais cos mesmos desexos de dar novas e contar, de mostrar a fondo aspectos do país e do mundo que tamén nos pertence, con estas arelas continuamos tres anos despois e sempre".

Fagamos que nesta Galiza orgullosa de seu, Sermos Galiza chegue a todas as tabernas, a todos os centros de ensino, de saúde, ás moradas dos e das maiores, que viaxe en tren e en autobus, que monte en avión e acougue no parque, nese banco onde o deixou o pai da nena da trenza que xoga todas as tardes ao balón, mentres el le. Alí no parque para que alguén volva con ese exemplar en papel para a súa casa, ese novo número que sae cada quinta feira á venda ou que pode chegar ás vosas casas con unha subscrición. Precisamos das vosas ideas e sermos do voso interese. 

Aquí estamos cunha tarefa nada doada mais cos mesmos desexos de dar novas e contar, de mostrar a fondo aspectos do país e do mundo que tamén nos pertence, con estas arelas continuamos tres anos despois e sempre.

Marga do Val