Hai uns días, o 27 de abril, falecía en Frankfurt a escritora e xornalista Stefanie Zweig, o seu nome pode que no noso panorama cultural non nos diga moito.  De boas a primeiras, mesmo pode evocar o do autor das magníficas biografías de María Stuart ou Balzac, o autor que lle deu remate á súa vida en Petrópolis (Brasil), Stefan Zweig, por certo lembro agora a excepcional obra de teatro Unha hora na vida de Stefan Zweig coa que nos agasallou a Compañía Lagarta, Lagarta en 2011, mais non imos lembrar este escritor, nin o seu exilio, nin a súa autobiografía póstuma, con quen se adoita confundir á novelista coa mala escrita do seu nome, roubándolle esa vogal final, tamén marca de “xénero”, que dá o resultado de Stefanie.

Hai uns días, o 27 de abril, falecía en Frankfurt a escritora e xornalista Stefanie Zweig, o seu nome pode que no noso panorama cultural non nos diga moito.  De boas a primeiras, mesmo pode evocar o do autor das magníficas biografías de María Stuart ou Balzac, o autor que lle deu remate á súa vida en Petrópolis (Brasil), Stefan Zweig, por certo lembro agora a excepcional obra de teatro Unha hora na vida de Stefan Zweig coa que nos agasallou a Compañía Lagarta, Lagarta en 2011, mais non imos lembrar este escritor, nin o seu exilio, nin a súa autobiografía póstuma, con quen se adoita confundir á novelista coa mala escrita do seu nome, roubándolle esa vogal final, tamén marca de “xénero”, que dá o resultado de Stefanie.

"Quen coñece o filme, non o esquece, quen coñece o libro, tampouco, os dous introducen a intimidade, o privado, na historia da humanidade, danlle contido a datas e acontecementos que figuran obrigatoriamente na cronoloxía da historia do século XX"

Quero contarlles da autora do libro Nirgendwo in Africa (1995), un éxito de vendas, de lecturas en varias linguas, que mantivo como marabilla a guionizadora e directora Caroline Link (1964) no filme do mesmo título, ('Nalgún lugar en África'), que lle valeu o Oscar á mellor película en lingua non inglesa no 2003 e que a directora non recolleu para protestar pola guerra de Irak. Quen coñece o filme, non o esquece, quen coñece o libro, tampouco, os dous introducen a intimidade, o privado, na historia da humanidade, danlle contido a datas e acontecementos que figuran obrigatoriamente na cronoloxía da historia do século XX, un relato inédito, do que se ten dito que a marabilla e a emoción residen en que os ollos de nena da autora traducen a realidade vivida en África, todas esas paisaxes interiores e exteriores, co que a  fita tamén nos conquista. Fronte a esta afirmación Stefanie Zweig respóndenos que ela nunca tivo infancia e eu inmediatamente lembrei a Mariví Villaverde, a autora de Tres tempos e a esperanza,  a exiliada á que obrigaron a crecer e á que a represión vivida lle roubou a adolescencia. O certo é  que  autora e directora conmoveron o gran público, mais a primeira ten outras obras que tamén se gardan na memoria das lecturas e a segunda volveu convencer con máis filmes como o recente Exit Marrakech (2013).

Quero falarlles de quen naceu en Leobsschütz (hoxe pertencente a Polonia) o 19 de setembro de 1932 e evocar unha nena de seis anos que parte da man da súa nai en 1938 para atoparse en Kenia co seu pai, un avogado que prevendo o que podía pasar ao pertencer a unha familia xudía abandona Alemaña fuxindo do nazismo para traballar nunha granxa en África. Quero evocar esa nena enfrontada coa súa propia identidade, branca, europea, alemá e xudía; esa nena  en que se enxerta o suahili para abrirlle os sentidos, lingua que non vai esquecer nunca, que convive co alemán da familia, co iddish que escoita aos membros da comunidade xudía e co inglés a lingua dos colonizadores. Quero pensar na inseguridade da moza que regresa en 1947 coa familia a Alemaña. que se instala en Frankfurt, nas beiras do río Main, onde o seu pai vai exercer como avogado; ese regreso que volve facer tremer a súa identidade e que a converte nunha “rara”, que a obriga a pescudar no mundo que a rodea, desde a casa da rúa  e que na súa vida convivan para sempre Kenia e Alemaña e o suahili  ou o kikuyu co alemán, indagación que a converte en escritora. Comeza a traballar como xornalista e van dirixir as páxinas culturais do xornal  Abendpost/Nachtausgabe e colaborar como columnista para o Frankfurter Neue Presse. 

"Os ollos de nena da autora traducen a realidade vivida en África, todas esas paisaxes interiores e exteriores, co que a  fita tamén nos conquista".

Autora que debuta coa escrita de libros baixo a etiqueta de literatura infantil ou xuvenil, recibe o seu primeiro recoñecemento cando publica en 1980 Ein Mundvoll Erde ('Un anaco de terra'), en novas edicións, Vivian und ein Mundvoll Erde, engadindo o nome da protagonista que nos introduce no interior e en todo o que rodea á granxa, Ol'Joro Orok,  en que vive co seu pai alemán en Kenia, tramítenos ese primeiro amor que lle nace por un mozo kikuyu e o seu medo por volver a un país que case non lembra.

Esa experiencia en África vai estar presente en moitas das súas páxinas,  Nirgendwo in Africa convértese nun bestseller antes do filme, a historia de Regina e da familia Redlich, invade ou coloniza gran parte da súa obra, por iso estes días se fala da voz da autora como da voz alemá de África. É, sen dúbida, a protagonista principal do relato da fuxida a un mundo novo e en moitos aspectos ignoto, para salvarse do nazismo, para sobrevivir mentres recibe as novas que envían á familia que fica en Europa á morte no campo de concentración, é imaxe da palabra “identidade”, a palabra feita carne que respira e loita en todos os seus relatos.

"Volveu a África, a última vez hai poucos meses, o seu último gran desexo, fotografías ofrécennos o seu sorriso, esa felicidade do regreso, mentres dous pequenos papagaios están pousados nas súas costas" 

Mais tamén está Alemaña, ese espazo que debe aprehender, recoñecer como propio, cerne do libro Irgendwo in Deutschland  ('Nalgún lugar en Alemaña') (1996), a segunda parte da historia da familia Redlich, un espazo máis próximo para lectores e lectoras gañadas co primeiro libro, que toca na pel das súas propias historias. En 2012 publícase o seu derradeiro libro Nirgendwo war Heimat: Mein Leben auf zwei Kontinenten ('Nalgún lugar miña terra: a miña vida entre dous continentes), a súa biografía tecida con cartas, con diarios, un acerto que lle dá máis proximidade, máis intimidade a unha vida da que xa se nos contara tanto e ben. As cartas do pai comunicando a familiares e coñecidos o nacemento da pequena Stefanie comezan este relato. En definitiva, identidade e exilio, escrita e vida que van da man.
Antes dese libro final, non puido rematar outro pola curta mais terríbel enfermidade que a afastou da escrita, conviviron eses dous continentes, e se a granxa de Kenia ocupou un lugar central non o foi menos a súa casa en Frankfurt, á que chegou coa familia e na que viviu,  Das Haus in der Rothschildallee (2007), a casa número 9 da avenida que leva o nome da familia xudeu-alemá Rothschild, avenida que vai estar presente en catro novelas, desde a primeira onde se conta a historia da casa desde 1900 a 1917, até as outras desde onde se fala da rapazada da rúa, da contorna,  do regreso, dese novo principio, que ligan a autora coa cidade de Frankfurt para sempre.

Hai moitas imaxes de Stefanie Zweig que se repiten estes días en que a morte a converteu en noticia, eu agora quero lembrar unha das últimas entrevistas que lle lera hai un ano por mor da morte do seu compañeiro durante trece anos, amigo de  mocidade do seu irmán Max falecido en 1999, Wolfgang Häfele, o seu “home de corazón”,  unha sorpresa para ela que era máis vella ca el case 14 anos e sempre pensou que ía morrer antes, e ela non contaba con iso mais a morte é imprevisíbel.

Volveu a África, a última vez hai poucos meses, o seu último gran desexo, fotografías ofrécennos o seu sorriso, esa felicidade do regreso, mentres dous pequenos papagaios están pousados nas súas costas, volveu co seu sobriño, a súa muller e o seu sobriño neto, Max, de seis anos, que gozou de tantas dos seus contos. O seu último desexo cumprido na historia que a enfermidade lle impediu escribir.
Foi enterrada o 29 de abril á beira do seu irmán Max no novo cemiterio xudeo de Frankfurt, que a terra lle sexa leve.