Xa hai unhas cantas noites que Vida non dorme. Noites de sete meses e de non durmir porque o amor tira o sono aínda que nos faga soñar espertas. Esta noite é outra e o seu non durmir é outro. Vida lembra a súa vida, a vida que lle contaron, pouco é o que se debe lembrar cando só se teñen 16 anos. 

Xa hai unhas cantas noites que Vida non dorme. Noites de sete meses e de non durmir porque o amor tira o sono aínda que nos faga soñar espertas. Esta noite é outra e o seu non durmir é outro. Vida lembra a súa vida, a vida que lle contaron, pouco é o que se debe lembrar cando só se teñen 16 anos. Vida é capaz de imaxinar a face da súa nai cando soubo que estaba preñada, de tantas veces que llo contou desde pequena, imaxinar a felicidade cando soubo que ía ter unha nena e a felicidade  aínda maior  cando  a  adormeceu  contra  o seu  corazón  por  vez  primeira  e,  como  nese instante, Rebeldía decidiu chamala Vida. Vida pensa en Rebeldía e en todo o que dela aprendeu e, sen querer, ensaríllase na historia de Rebeldía, a súa nai, e na historia de Resignación, a súa avoa.

"Non pode pensar que as mulleres tivesen  que  pedir  permiso  para  todo,  ou  aos  pais  ou  aos maridos,  até  para  teren  unha  conta  no banco, nin sequera pode imaxinar as cafeterías sen mulleres, as gasolineiras sen mulleres e o seu instituto sen alumnas".

Véñenlle lembranzas de cousas que ela non viviu, que non puido vivir pero que leva coma tatuaxes na pel. Só hoxe neste non durmir diferente lle veñen estas lembranzas. Resignación dicíndolle a Rebeldía,  que  non  o saiba  teu  pai,  anda  con  ollo. Resignación  dicíndolle  a Rebeldía,  cala,  non protestes,  non  me  podo  queixar  que  hai  outros  peores,  el  é  bo,  hai  que sabelo  levar.  Rebeldía fuxindo da oficina do amigo do seu pai, á quen lle leva a contabilidade polas tardes, mentres estuda polas mañás dereito. Rebeldía baixando  a  correr  as  escaleiras desde un  cuarto piso sen  ascensor para  non  volver  e  deixar  alí  para sempre  a súa  roupa  e  os seus  libros,  aquela  cadea  co  C  de Consuelo  que  a súa  avoa lle  dera  cando marchaba  da  casa  para  estudar  en Compostela,  o C  de Consuelo  enriba  das follas  abertas  do Manifesto Comunista,  ela  que  andaba  en  volta  na  lectura daquel libriño pequeno que aínda lle abrira máis os ollos: Que fai o poder no teu leito?. Rebeldía que protesta por traballar, se cadra, máis horas ca Modesto e cobrar menos ca el, naquel bufete do avogado progre que defendía aos insubmisos. Rebeldía que a leva a escola que a recolle pola tarde, que  lle  paga  as  clases  de  ballet  que  ela  nunca  puido  ter.  Resignación  que  lle  fai  vestidos  con bordados de niño de abella e Rebeldía que só a leva a festa da parroquia despois da misa, para que ande  nas  barcas  e mais  nada.  Vida  que  aprende  que  o máis  importante  para  a muller  vai ser  a independencia  económica, para iso  cómpre  estudar, prepararse,  como lle dixo sempre  a súa nai, aprender a valerse sen depender de ninguén, como lle di Resignación, ser dona do que é dunha, non coma antes. E é que Vida, nunca pensara até esta noite, o que debeu de ser antes. Non pode imaxinar, ela criada por unha nai solteira, que quixo ter unha filla, non pode pensar que as mulleres tivesen  que  pedir  permiso  para  todo,  ou  aos  pais  ou  aos maridos,  até  para  teren  unha  conta  no banco, nin sequera pode imaxinar as cafeterías sen mulleres, as gasolineiras sen mulleres e o seu instituto sen alumnas.

"Aperta o libro por vez primeira contra o seu corazón e lembra que se chama Vida e que cómpre desfacerse de Medo".

Hai sete meses que non dorme, comezou a saír con aquel rapaz, que coñece desde nena e que, hai sete  meses  lle  fixo  caso.  Algo se  lle  meteu  na  boca  do  estómago  que  a  ilusionaba,  foi  cando comezou a vestirse para el, pensando no que a el lle gustaba, a súa nai que non era muda, notou o cambio e díxollo. O malo non era ese desexo de que as horas pasaran para estar con el, con aqueles bicos que lle prendían o corpo e a facían feliz, o malo foi cando el comezou a ir ao seu, sen lle importar o seu desexo, sen pensar no que a ela lle gustaba. Sen se dar conta só saía con el, sen se dar  conta  el  líalle  as súas  mensaxes  no  móbil, sen se  dar  conta,  el  preguntáballe sempre  onde estivera, sen se dar  conta  aprendeu  outras  cantigas que viñan  de  vello. O  amor sen  celos  non  é amor e lembrou moitos dos boleros e tangos da súa avoa Resignación. E así foi como Vida desde hai  catro meses  comezou  a temer das palabras do seu mozo Medo,  a temer  as súas  ameazas de matarse se ela o deixaba. Moito chorou a noite que Medo a levou ao alto da Risca e a deixou alí, sen móbil,  despois  de discutiren. Moito  chora  agora mentres  preme  na man aquel  libro  que lle regalou a súa nai polos seus quince anos, mentres dicía, xa está un pouco pasado pero eu quéroo coma un talismán. Que fai o poder no teu leito? Aperta o libro por vez primeira contra o seu corazón e lembra que se chama Vida e que cómpre desfacerse de Medo. Por iso escribe esta historia, así vaille ser máis fácil explicarlle á xuíza por que ten o brazo fóra do sitio. Sabe que a súa nai que non é muda vai estar con ela, tamén sabe o que a súa avoa lle di:  Ai nena, estes boleros de tanto sufrir xa non che son do teu tempo    

Marga do Val