O semanario Sermos Galiza saía á rúa o 8 de xuño de 2012. Foi entón cando o galego regresou aos quiosques cada semana. Seis anos após, Sermos suma xa 300 números, unha cifra que a leva a ser a publicación periódica en galego, e en papel, máis editada das vixentes. Se é posíbel é grazas a todas as persoas que, dunha maneira ou doutra, sustentan este medio: accionistas; subscritores e subscritoras; lectoras e lectores e colaboradoras e colaboradores que nos transmiten o seu saber de maneira desinteresada e traballadoras e traballadores que se esforzan en facer de cada número un produto de interese. 

Sermos non ten ningunha grande empresa de comunicación detrás, de aí que tamén poidamos practicar un xornalismo sen complexos. Un xornalismo que precisa medrar aínda máis e incorporar a investigación como un dos seus alicerces diferenciadores. Mais para iso é necesario sermos máis a apostar neste medio, porque facer xornalismo de calidade non sae de balde, custa diñeiro. Para termos as mellores informacións, necesitamos boas e bos xornalistas e que teñan tempo para as elaboraren, lonxe da ditadura da actualidade inmediata que fomentan as redes sociais e que, por outra banda, en boa medida fomentan unha especie de fast-food xornalístico, de McXornalismo, carente de reflexión e de profundidade.

Sermos suma xa 300 números, unha cifra que a leva a ser a publicación periódica en galego, e en papel, máis editada das vixentes

 

Preguntábanme nun dos actos de presentación de Sermos O Diario Galego como vía a evolución ao longo destes seis anos. Eu contestaba que o feito de que a empresa se esforce por tratar de sacar adiante un diario en papel evidencia non só que nos mantivemos desde aquel 2012,  senón que nos afianzamos e tratamos de ir un paso máis aló. Da dificultade ninguén dubida, pois hai que lograr, cando menos, 3.000 subscricións que fagan viábel economicamente o diario antes do 31 de xullo. Porén, cando en 2011 se daba a coñecer o proxecto para a saída de Sermos, moitas e moitos consideraban que era imposíbel facelo. A situación económica non axudaba. Malia as dificultades, lográronse daquela máis de 900 accionistas e as subscritoras e subscritores suficientes para facer do Sermos en papel e do Sermos dixital unha realidade. 

Agora tamén depende de nós, de se queremos ter un diario en papel, en galego, que conte a realidade desde nós, sen interferencias alleas nin presións de grupo ningún. Un medio independente que só renda contas diante das súas asinantes, que decidirán se queren renovar ou non a súa subscrición en función de se ven colmadas as súas expectativas. Un medio que non faga un copy-paste da axenda mediática que se impón desde Madrid. Un medio que incorpore aquelas temáticas que levamos tempo tratando tanto no semanario como no diario dixital e que tanto se botan en falta nos diarios en papel. Temáticas como o feminismo, a cultura galega, o traballo, a historia, o ecoloxismo… Un medio en que fagamos xornalismo crítico, sen mordazas e centrado na Galiza e que non esqueza ollar o mundo, mais desde aquí, desde a nosa perspectiva como galegas e galegos.

Agora tamén depende de nós, de se queremos ter un diario en papel, en galego, que conte a realidade desde nós, sen interferencias alleas nin presións de grupo ningún

 

Escoitamos moitas veces dicir que a prensa en papel manipula ou silencia. Precisamente, a comezos desta mesma semana viamos nas redes sociais protestas de persoas que lamentaban que os diarios en papel que se editan na Galiza no se fixesen eco nas súas portadas da gran manifestación contra a mina de Touro e do Pino que encheu a Praza do Obradoiro. Mais isto repítese de maneira cíclica: mobilizacións masivas en defensa da sanidade pública; do aborto seguro e gratuíto; do ensino público; da lingua… Está na nosa man mudar estas prácticas. Está da nosa man facer que no canto da última fazaña dun tenista español poidamos ver, como noticia principal, a voz das galegas e dos galegos. Ti Contas!



x