Un dos maiores erros de Feixoo foi estar hoxe en Madrid na manifestación polo odio camiñando con nostálxicos do franquismo en lugar de atender os problemas que pesan sobre as galegas e galegos. Feixoo pinchou ao acudir á chamada de “prietas las filas” de Casado, ao igual que pinchou este domingo a ultradereita, que non foi quen de xuntar, nin fretando autobuses, máis de 50.000 persoas na madrileña praza de Colón.

Caen as carautas e o capital que Feixoo acumulou até o de agora –insuflado pola potente maquinaria electoral do PP, pola axuda da meirande parte dos medios de comunicación e tamén por acertos seus– vai a pique ao elixir a defensa do odio e da agresividade españolista e darlle as costas a Galiza.

Feixoo atreveuse a abandonar o autonomismo que lle deu as maiorías absolutas

 

Non é a primeira vez que o presidente da Xunta ignora os problemas das galegas e galegos, mais resulta sintomático que se atrevera a abandonar o autonomismo que lle deu as maiorías absolutas. Feixoo, que noutrora abrazara o autonomismo, cargaba na mañá do domingo publicamente contra o Estado das Autonomías ao sinalar que non se pode dar a sensación de que un “Goberno autonómico” estea ao mesmo nivel que un “Goberno da nación”.

Os milleiros de persoas que ateigaron a Quintana en contra dos recortes do PP e en defensa da sanidade pública faranlle reflexionar ao escapado presidente da Xunta a respecto de que cambio de axenda debe acometer após camiñar da man de quen pide acabar o diálogo, de quen en Andalucía asinou un acordo que desprotexe as mulleres e de quen quere acabar co autogoberno e coas autonomías.

Feixoo non goberna para as galegas e galegos. Faino para o PP e ollando para Madrid, a onde quere dar o salto

 

Feixoo non goberna para as galegas e galegos. Faino para o PP e ollando para Madrid, a onde quere dar o salto. Galiza non precisa de Feixoos que chaman a Madrid para moveren ficha. Galiza precisa da dignidade dos milleiros de persoas que, fronte á confrontación, apostan no diálogo; fronte ao odio, apostan na fraternidade; fronte á autoanemia, apostan na capacidade de decisión de Galiza.