Dignidade. Orgullo. Autoestima. Estimación. Empoderamento. Consideración. Autoafirmación. Fortaleza. E isto... todo isto é o Amor, que cantaría Caxade. A nosa expresión como pobo gaña significado o día en que conmemoramos a nación, aquela que se ergue simbolicamente no Pico Sagro, o cumio que mantén, fondas, as nosas raíces no sentimento popular galego, na categoría universal máis elevada.

Fóra dos intentos de manipulación, desnaturalización e folclorismo, o Día da Patria Galega, festa de todas as galegas e galegos –como afirmaba Castelao– debe servir para reivindicar, sen complexos, a nosa condición e a nosa vontade de sermos un pobo libre, sen as cadeas mentais que nos condenan á dependencia. Unha dependencia que implica desigualdade social, que marxina a nosa lingua e a nosa cultura e que hipoteca o noso futuro.

Fannos ver que Galiza é a fin da terra, mais é inicio do mar. É unha nación capaz de vivir por si mesma, de producir, de explotar as súas riquezas. Como facer que Bruxelas ou Madrid deixen de asfixiar os nosos sectores primarios, que as grandes empresas deixen de espoliar os nosos recursos naturais para cotizar fóra ou que os fondos voitres se enriquezan coas nosas infraestruturas? Con soberanía. Esa palabra que semella tan abstracta e afastada mais que nos afecta no máis cotián, no peto, das cousas do comer.

Imaxinan que deixen de contemplarnos só como man de obra barata que emigra? Imaxinan acabar coas cotas que nos impoñen? Imaxinan deixar de ser unha nación colonizada e espoliada? Imaxinan desprendernos das mordazas? Imaxinan rachar coa dependencia? Imaxinan acabar coa irrelevancia? Imaxinan vivir sen que ninguén nos diga como temos que actuar? Imaxinan decidir por nós mesmas? Imaxinan desenvolver as nosas potencialidades? Imaxinan organizar a nosa vida como mellor nos conveña? Imaxinan poder vivir e traballar na Galiza nunhas condicións dignas? Imaxinan un futuro de prosperidade e liberdade?

Para todo isto serve autogobernarnos. Para todo isto serve a soberanía, que é a chave mestra, aquela que abre todas as portas a un futuro de benestar. Mellorar a vida das persoas está na nosa man. Camiñemos, mais sen perdernos no alleo. Sen présa, co horizonte claro e as ideas firmes. Avancemos. Fagámolo guiadas polas luciñas e vagalumes dos que nos falaba Castelao no “Alba de Gloria”, aqueles que “todos xuntos forman o substractum insobornábel da patria galega”.