O minuto de ouro dos debates electorais é o que o gol de ouro a un partido de fútbol. Aquela práctica que a FIFA desterrou a inicios de 2000 e que consistía en dar por concluída a prórroga cando un dos equipos marcaba un gol. Noutros deportes coñécese como a morte súbita. Aí depende de cada candidata ou candidato, de se pode marcarse un tanto ou de se fai o ridículo. Nese minuto en que se mira á cámara e se apela directamente a votante, quen se presenta a unhas eleccións adoita pedir unha oportunidade.

Oportunidade é a que non tivemos a nivel estatal as galegas e galegos. A nosa voz non se oe. Nos debates tratados como secundarios polas grandes cadeas televisivas, o pobo vasco e o catalán estiveron presentes. Nós non aparecemos nin dos debates considerados “de segunda”. E nos principais, en que tanto se demonizou o independentismo e en que tanto se falou da cuestión territorial, vetáronse as voces nacionalistas. Que debemos facer os pobos das nacións sen Estado para termos dereito a participar nun debate e para poder poñer sobre a mesa os nosos problemas e necesidades?

Hai tamén quen no minuto de ouro representa unha copia sen graza da técnica do silencio empregada polo candidato do BNG Néstor Rego no debate clandestino da TVG (sen apenas publicidade e emitido ás 10 horas) para instar as espectadoras e espectadores a imaxinaren “os tres anos longos en que Galiza estivo ausente” nos principais debates que decorreron en Madrid.

Nos debates estatais, carentes de empatía e en que o odio a quen pensa diferente foi a tónica xeral, saíron á palestra moitas temáticas. Trescentos minutos dan para moito. Falaron, por suposto, de Catalunya e de Euskadi, mais tamén das Canarias, das Balears, de Valencia, de Estremadura, de Andalucía... de Galiza, nin chío. Nin transferencia da AP-9, nin tarifa eléctrica propia para unha nación excedentaria en enerxía e que soporta o espolio dos recursos naturais e os prezos da luz máis altos, nin trens de proximidade, nin novas competencias nin solucións para as máis de 100.000 persoas que tiveron que emigrar nos últimos anos. Fica evidente que solucións para nós, as galegas e os galegos, non teñen. De nós semellan só importar os votos.

E as mulleres? Os machos  da política española dedicáronse a usarnos como arma electoral. A loita contra a violencia machista segue sen ser a prioridade política. Semella que non interesa darlle morte ao patriarcado. Xa o deixou claro a marquesa do PP: “un silencio é un non? De verdade que van dicindo vostedes si, si, si?”. "Señoros", o silencio non é si. Só un si é si.