É tan evidente a desigualdade en todas as esferas da vida que mesmo sobran as cifras. A folga, que as mulleres de Sermos Galiza secundaremos, é o maior instrumento de loita co que contamos. Unha ferramenta que transcende a produción para amosar a nosa fartura. Unha medida necesaria para situarnos na axenda política e social como suxeitos cos mesmos dereitos que os homes. A folga é o principio dun mañá máis xusto e equilibrado.

Hai exactamente un ano, milleiros de mulleres saiamos ás rúas nunha xornada histórica que provocou un impacto cuxos berros ecoan aínda hoxe. 365 días despois, o clamor continúa vivo. O feminicidio é a punta do iceberg, o caso máis extremo dunha violencia machista que sufrimos cada día quer no laboral, quer no social, quer no político. Menosprezos, paternalismo, acoso, indiferenza... Esta violencia patriarcal é unha constante nas nosas vidas e como xornalistas temos o deber de denunciala publicamente e de incorporarmos na práctica diaria a perspectiva de xénero de maneira transversal. Lamentabelmente, a meirande parte da prensa segue a ofrecer unha visión parcial dos feitos. Unha visión que silencia a voz das mulleres e que nos relega a un segundo plano, a sermos suxeitos pasivos das informacións ou a cargarnos ás costas os estereotipos sexistas. Iso non é xornalismo. Sen igualdade, non pode chamarse xornalismo.

Vivir nunha nación sen Estado, dependente, aumenta a nosa desigualdade, de aí que pola nosa condición de mulleres e galegas padezamos unha dupla opresión

 

Precisamente, pola miña profesión, son máis de facer preguntas que de respondelas, mais non hai moito preguntáronme: “María, se tiveses que elixir só unha categoría, definiríaste como muller ou como galega?”. A intención era situarme nunha disxuntiva, mais non dubidei. As mulleres non somos unha categoría de análise. Os nosos problemas son universais, mais as particularidades do contorno en que nos desenvolvemos imprímenlle unhas características específicas á discriminación que sufrimos. Vivir nunha nación sen Estado, dependente, aumenta a nosa desigualdade, de aí que pola nosa condición de mulleres e galegas padezamos unha dupla opresión.

Acaso é igual a realidade dunha muller madrileña que a dunha galega? O acceso aos recursos públicos é o mesmo? Dispón de máis prazas de escolas infantís de precisalas? E en centros de día? O prezo do combustíbel é o mesmo (aquí soportamos a contaminación dunha refinaría e Madrid non)? E o da enerxía eléctrica (malia o espolio dos nosos recursos)? A estruturación do territorio é equiparábel? E o acceso aos medios de transporte públicos? E as infraestruturas? E a contía das pensións? E os salarios? Se nin sequera se nos permite vivir con normalidade no noso idioma!

Mostra do exposto é o último informe das técnicas e técnicos de Facenda, que recollen Galiza como o caso máis extremo en relación á fenda salarial. Cos datos da Axencia Tributaria na man advirten que terían que pasar 615 anos para que mulleres e homes cobrasen o mesmo por desenvolveren as mesmas tarefas.

Rompermos as tutelas como mulleres vai parello a aspirarmos á liberdade como pobo. Soberanía sobre o noso propio corpo, sobre a nosa sexualidade, sobre a nosa alimentación, sobre as nosas identidades… mais tamén soberanía política, pois para sermos libres precisamos non depender de ninguén máis que de nós. Só con capacidade de decisión poderemos contar cos recursos para construírmos a vida que queremos, aquela socialmente máis xusta.

Felicitádenos cando sexamos libres. Daquela, si. Será entón cando o 8 de marzo non nos importe oír “parabéns”

 

E, por favor, non nos felicitedes mañá. Non tedes motivos para o facer. O 8 de marzo nada temos que festexar. Temos moito que reivindicar e polo que loitar. Deixemos as felicitacións para cando consigamos ter acceso efectivo aos mesmos dereitos que teñen os homes. As felicitacións, para cando non sexamos despedidas por sermos nais; para cando non nos sintamos xulgadas se decidimos non ter crianzas; para cando non exista fenda salarial nin chans pegañentos; para cando as nosas pensións non sexan menores que as dos homes porque tivemos que ser nós quen reducimos a cotización polas tarefas de coidado; para cando ocupemos estruturas de poder; para cando deixemos de asumir a dupla xornada laboral, sen remunerar, na casa; para cando non teñamos medo a saírmos soas pola noite; para cando non sexamos asasinadas polo feito de sermos mulleres; para cando non nos consideren inferiores; para cando non sexamos violadas; para cando non nos conciban como un obxecto sexual; para cando non suframos violencia obstétrica; para cando a conciliación non sexa unha falacia. Felicitádenos cando sexamos libres. Daquela, si. Será entón cando o 8 de marzo non nos importe oír “parabéns”.