Durante os anos 1894, 1895 e 1896, Manuel Curros Enríquez, emigrado-exiliado na Habana desde o primeiro deles, publica en La Tierra Gallega, fundada e dirixida por el, unha serie de artigos sob o título “Hijos ilustres de Galicia (Biografías y estudios críticos)”. En Novembro de 1896 desaparece após o escritor oporse a pagar dúas multas impostas polo gobernador civil, a raíz de denuncias da revista de abusos ou arbitrariedades do goberno colonial. Albergaron as súas páxinas poemas en galego de Rosalía de Castro, del proprio, de autores do pre-renacemento, como Añón ou Alberto Camino, ou de contemporáneos como Lugrís Freire, Florentino Vaamonde Lores ou Armada Teixeiro.

Na sección mencionada, o grande escritor da tríade dos Restauradores vai incluír os seguintes nomes: Francisco Añón, Bernardo Barreiro, Luís Rodríguez Seoane, Manuel Becerra, Alfredo Vicenti, Modesto Fernández y González, Eusebio da Guarda, Alfredo Brañas, José Rodríguez Carracido, Cesáreo Fernández Losada, Aureliano J. Pereira e Filomena Dato Muruais. Deteñámonos neste derradeiro. Ela (Ourense, 1856), con Brañas (Carballo, 1859), é a máis nova dos vultos escollidos. Defínea Curros como una de las más inmediatas sucesoras del genio lírico de Rosalía de Castro e matiza: Menos amarga que su inmortal predecesora, porque también ha vivido y sufrido menos, Filomena tiene su misma ingenuidad, su misma ternura, su arte incomparable para herir las cuerdas sensibles del corazón de su pueblo y traducir, tal vez con queja demasiado femenina, en lo cualsí que se distancia mucho del modelo, en que esa queja es casi siempre viril y amenazadora, los dolores seculares de nuestra infortunada raza.

Salienta o retratista o fervente amor á patria da escritora ourensá e o seu profundo espírito relixioso, así como a súa escolla do galego para os libros de versos. Subliñemos os adxectivos con que contrapón a musa da discípula verbo da mestra: “viril” e “amenazadora”. O primeiro gozaba, no léxico do español do XIX, de toda a connotación positiva, face a “femenino” ou “femenil”. Este é o uso, por exemplo, na xerarquía sexual consolidada, que utilizará tamén Dª Emilia Pardo Bazán, que sempre defendeu a potencia “viril” da súa escrita face á “femenil”, por exemplo, dun Lamas Carvajal. Non cómpre, por obvios, afiliar atributos a un e a outro adxectivo (Rosalía de Castro, por certo, endexamais utilizou “viril” como sinónimo de calidade, forza expresiva ou valentía retórica). O segundo adxectivo, “amenazadora”, dialoga con rotundos versos do poeta Curros dedicados á súa admirada e querida amiga: de facto, dous dos mellores poemas da súa autoría van ser os que a ela lle dedique: “A Rosalía” (1891) e “Na tumba de Rosalía” (1904). Ao primeiro pertencen aqueles que son toda unha apóstrofe acusatoria: comesta dos lobos / comesta morreu. No segundo, aparecerá nomeada como “sombra sin paz da nosa Musa morta”.

É no artigo dedicado a José Rodríguez Carracido onde o xornalista e escritor Curros utiliza a expresión que titula este artigo: “iconoteca”. Que teñen en común todos os biografados e celebrados, agás Alfredo Brañas e Filomena Dato Muruais? Todos eles destacan polo seu inxente traballo, o seu brillo académico e/ou político; todos eles manteñen, nun degrau ou noutro, aceso amor á Galiza... mais todos eles triunfaron en Madrid, Barcelona ou noutras capitais europeas. Brañas formulou el credo de la descentralización política de Galicia. A tal combate se afilia o panexirista: Soldados de la legión que él acaudilla, nuestro destino está ligado alsuyo.

De quen descendemos nós hoxe? Dos que escolleron -ou se viron impelidos- a traballar e ascender fóra da Galiza ou dos que aquí ficaron ou aquí voltaron, en viaxe centrípeta? Cal é a iconoteca das escritoras e dos escritores actuais ou, amplamente, das autoconsideradas celebrities? Coñecen ou teñen interese por saberen de onde vimos? Valoran no que merece a nosa historia? Hai, hoxe, iconoteca galega ou ela está reservada á cultura dominante en español/inglés?