O primeiro fin de semana do mes de Novembro cadrou con  actividades celebradas no Teatro Colón da Coruña nos tres días consecutivos. O día 1, a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretou un programa de bandas sonoras de filmes cinematográficos‑televisivos, dentro da IV Semana das Músicas do Audiovisual, organizada pola Academia Galega do Audiovisual. O día 2 asistimos á estrea da Cantata para coro e orquestra de Roxelio Groba, baseada en poemas de As rúas do vento ceibe, de Manuel María. O día 3, celebrou a súa 2ª edición a Festa da Música Galega, organizada pola Irmandade da Música Galega. Todos estes actos estiveron asistidos de moito público. O primeiro deles, a prezo moi moderado; os dous últimos, gratuítos. A calidade de todos, excelente. As institucións públicas patrocinadoras ou colaboradoras (Concello, Deputación da Coruña) cumpren así un dos seus cometidos: servir a cultura galega. Á vista do público asistente, calquer observador podería botar contas do beneficioso de semellante investimento, cunha ratio custo / resultado infinitamente maior da que existe entre o diñeiro público directa e indirectamente destinado ao fútbol, o custo deste espectáculo de alta competición e o beneficio social. Contas en que deberan reparar os que falan adoito de espectáculos populares (léase: masivos) e dos recursos públicos neles empregados, o mesmo que os meios de comunicación dominantes: páxinas‑minutos dedicados ás maiores nimiedades do deporte (perdón, do fútbol) / idem dedicados á información cultural.

Esta dimensión de actividades culturais é recoñecida no rótulo dalgunhas administracións públicas. O ministerio do ramo italiano, por exemplo, titúlase: Ministero dei beni e delle attività culturali e del turismo. Entre nós, hai bens culturais que continúan a monte; pezas do patrimonio en franco estado de abandono; actividades culturais que sobreviven mercé ao voluntarismo e esforzo de individuos‑asociacións que non se resignan a desaparecer, malia a mesta e disuasoria burocracia (boicote) a que se ven submetidas. Todo o incenso a arder no altar do Xacobeo 2021, devorador de cartos e enerxías e deturpador do que fomos historicamente e do que somos hoxe.

Cultura galega. Estaremos de acordo en que ela existe. Separada ou separábel da realidade material, social e política en que nace e se desenvolve?

Cultura galega. Estaremos de acordo en que ela existe. Separada ou separábel da realidade material, social e política en que nace e se desenvolve? Tal semellan acreditar algúns historiadores como Ramón Villares, en declaracións recentes: «Galicia é mais ca un país e menos ca un Estado, unha nación cultural». O primeiro aserto levaría a definírmonos como PP, isto é, País‑Plus; o segundo, como Est‑, se seguirmos coa brincadeira. O que se nos concede é sermos «unha nación cultural con perfil propio».

De modo e maneira que posuímos unha nova categoría conceptual, que nos lembra aquela concesión que o PSOE estaba disposto a consentir na redacción do proxecto de novo Estatuto de Autonomía, non nato, hai máis de dez anos: tratábase de incluír no preámbulo o sintagma «nazón de Breogán», extraído do himno. Eu, aparvada, pergúntome: que consecuencias prácticas teñen unha ou outra definición? A que Breogán me poderei dirixir para exercer os meus dereitos como galega? Terei de viaxar a Irlanda, por ver se algún seu descendente me pode atender? A que staff cultural da nación idem me poderei encamiñar para depositar a solicitude de completar a definición e engadir os adxectivos que faltan: política, económica, sociolóxica, etc. Ou ben: se somos nación cultural, toda a Xunta debera ser unha macro‑xestoría cultural, porque o resto de competencias e actuacións correspondería á nación completa, isto é, a que ten o Estado con toda a súa plenitude.

De por parte, a única nación recoñecida na Constitución española vixente é tamén «nación cultural» ou é «nación política»? A cal delas pagamos impostos? O idioma de cal das dúas detenta toda a hexemonía, todos os privilexios? A única nación constitucionalmente admitida e imposta como tal acaso admite unha relación en pé de igualdade e de trato coas «nacións culturais»? Vou pescudar, en fin, a que feira ou mercado podo acudir para mercar un anaco do Estado que me falta, porque país e cultura xa teño dabondo.

Artigo publicado no semanario Sermos Galiza nº373