Pablo R. Picasso viveu na Coruña  -neno-adolescente-  tres anos e medio, desde o outono de 1891 até a primavera de 1895. 

Pablo R. Picasso viveu na Coruña  -neno-adolescente-  tres anos e medio, desde o outono de 1891 até a primavera de 1895. Como é ben sabido, foi o destino profisional de seu pai o que determinou a estadía do futuro e célebre pintor na cidade herculina e foi unha conveniencia de clima a que provocou a ausencia da cidade galega, á que nunca puido voltar. Como tamén se sabe, faleceu na primavera de 1973, ano en que outros dous Pablos tamén se foron deste mundo: Pablo Neruda e Pau Casals. María Casares, a celebrada actriz que conquistou a gloria nos escenarios franceses, filla de Santiago Casares Quiroga, a pesar das saudades, endexamais quixo voltar á cidade que nunca, no novo rexime (23 anos de alcaldía do sr. Vázquez, hoxe propagandista de “Ciudadanos”, ferreño españolista, antano como hogano), se permitiu restituír nome, honra e propriedades da súa familia. Picasso seica tería doado obra súa á Coruña se alguén se tivese interesado por lla solicitar. Nunca tal aconteceu. Mais velaí como, agora, alcalde e goberno municipal do PP, encontran na “coruñesía” do pintor un novo filón de re-españolización. Ninguén lembra o pasado “comunista” do pintor, o seu exilio obrigado. Por suposto, ninguén deles condena o rexime ditatorial e militar que o levou a un exilio forzoso. Non. O ponto de encontro é, alisadas estas diferenzas, o españolismo, coa capa consabida de gloria europea e mundial. 

Picasso seica tería doado obra súa á Coruña se alguén se tivese interesado por lla solicitar. Nunca tal aconteceu

Ao servizo dunha campaña propagandística nunca vista topamos con: Concello da Coruña; Xunta; Estado na súa máis alta representación: inauguración dunha das exposicións a cargo do Xefe de Estado e señora, ou sexa, dos reis; colaboración de museos de Málaga, Barcelona, París… e da propria familia (“Picasso Administration”) do homenaxeado; como sponsors: Repsol, Gadisa, Gas Natural-Fenosa, Estrella Galicia, Vegalsa, Banco Sabadell-Gallego, Obra Social La Caixa, Luckia, Abanca, AMA. ¿Alguén dá máis? Fagan xogo, señores. O Concello coruñés asegura a compra de todo o edificio onde morou o pintor na súa estadía coruñesa. A programación cultural que este acontecemento nuclea durará varios meses. En fin, a hipérbole está servida: A Coruña existe porque Picasso viveu nela tres anos e medio, fundamentais, decisivos, cruciais! para a definición do futuro pintor. Isto si que é aproveitamento retroactivo! Isidoro Brocos, Ovidio Murguía? Viñeron a este mundo para seren chanzos no aprendizado da gloria española. Abofé que resulta alegórico: para iso viñemos os galegos todos a este mundo, para programarmos o triunfo de españois ilustres. Non hai como ter mentalidade de limpabotas: lustremos ben o calzado do cliente ao que, por riba, temos que pagar. Sublime!

A hipérbole está servida: A Coruña existe porque Picasso viveu nela tres anos e medio, fundamentais, decisivos, cruciais! para a definición do futuro pintor

Malén Gual, responsábel do museo barcelonés, declarouse “enamorada” do pintor, a pesar do seu machismo e de ser tan mullereiro. Lóxico o “namoro”: leva 35 anos consagrada a ponderar e a enaltecer a obra do pintor; 35 anos a viver do traballo relacionado coa súa memoria e legado. Lóxico que fale del con paixón, co entusiasmo dunha devota, para alén de experta. Mudemos de nación e de personaxes: ¿cantos deostos merecería un-unha par galego-a que declarase o seu namoro, o seu entusiasmo ilimitado por un dos vultos centrais da nosa historia, por unha Rosalía de Castro, por un Castelao, por……………………… (na liña de pontos, escreba a leitora-o leitor o nome que quixer)? ¡Esencialistas! ¡Culturetas de mausoleos! ¡Idólatras acríticos! ¡Fabricantes de xenios domésticos! Estounos vendo-ouvindo… 

Eu teño formada a miña opinión (como espectadora, claro está, por tanto puramente impresionista e sen alarde técnico nengún) sobre Picasso e a súa obra. É o de menos neste artigo. O de máis é a seguinte pergunta. Se tres anos e medio de vida coruñesa merecen semellante despregamento de meios e propaganda, ¿canto merecerían os e as que dedicaron TODA a súa vida, obra, desvelos e traballos a Galiza e, xa que logo, á Coruña? Respóndana os amábeis leitores. Eu renuncio. 

Este artigo viu a luz nas páxinas de opinión do número 135 de Sermos Galiza, que saíu do prelo a quinta feira 26 de febreiro e que se acha disponíbel nos quiosques do país e na nosa loxa.