Cómpreme felicitala, antes de máis, pois sen dúbida é vostede acredora, por méritos abondos, dunha das medallas que concede a Xunta de Galicia

Cómpreme felicitala, antes de máis, pois sen dúbida é vostede acredora, por méritos abondos, dunha das medallas que concede a Xunta de Galicia, oficina expendedora que se conxumina perfeitamente a xeito co Partido Popular, en afinidade ou identidade de intereses. A medalla ou condecoración merécea ben polos servizos prestados con toda eficiencia, na salvagarda sempre vixilante dos designios políticos do partido mencionado e do uso que este fai do goberno galego. É ben coñecida  -e de ben anos-  a indiferenciación de un e outro no que toca ao (ab)uso de ambos. Deséxolle, por tanto, que non demoren en lla concederen.

Nesta práctica padecida, resulta a miña persoa unha (nova) peza a bater. Fun participante como contertulia do programa “A Crónica”, da Radio Galega, os mércores, de 9 a 11 da noite e, este curso, de 10 a 11. Jaime Pita, Ánxel Vence e Francisco Espiñeira foron os outros contertulios habituais. Por vía de regra, na véspera, confirmábase a asistencia no día seguinte ou, se se daba o caso, a ausencia, para suprila coa persoa correspondente. Tal aconteceu cando acudín á tertulia dun outro meio de comunicación, onde, ademais, precisaba explicar e defenderme de atribucións ofensivas do presidente da Real Academia Galega, que, de por parte, apareceron repetidamente na Radio Galega sen que ninguén estimase preciso requerir a miña opinión ao respeito. Recentemente, fun avisada de que a miña presenza na candidatura do BNG para as eleicións europeas impedía a miña colaboración na devandita tertulia. Así aconteceu até que tal inclusión non se produciu e volvín intervir na mesma. Con dous días de antecipación, avisei da miña ausencia pontual nun mércores posterior, pois tiña con anterioridade asegurada a miña presenza noutro meio de comunicación.

"O que comigo se executa, señora directora, ten un só nome: veto ou censura".

Tal foi o que desatou, seica, a ira de vostede, talmente como se eu tivese asinado un contrato de exclusividade ou como se non cumprise de forma xeral e periódica co compromiso adquirido. Puido verificalo a audiencia e pódeno acreditar os programas gravados, mais no descrito atopou vostede o pretexto perfeito para eliminar unha voz-opinión crítica co aparato gobernamental e sempre introdutora da temática galega nuns guións, por certo, onde ela, tantas veces, brillou pola súa ausencia. Temática, problemas, aspiracións, realidades galegas, en suma, que, vaia por Deus!, son as que xustificaron no seu día a fundación das dúas sociedades, radio e televisión públicas galegas. O que comigo se executa, señora directora, ten un só nome: veto ou censura.

Con frecuencia elas, RAG e TVG, son acusadas de seren correas de transmisión do partido que goberna na Xunta de Galiza. Sendo isto certo, coido que hai, aínda, algo pior: españolizar á mantenta e por mil vías a información e a programación, incumprindo así flagrantemente o principio legal da fundación de ambas que as xustifica mesmamente pola necesidade de exhibición e defensa da identidade galega.

“A Crónica”, ten como “editorialista” único, os cinco días da semana, o director do xornal ABC, Bieito Rubido, e a despedida ou “epílogo” do mesmo está confiado, sempre, ao mesmo escritor, Xosé Carlos Caneiro.

Doutras normas conculcadas de mínimo respeito á pluralidade xa mellor non falar. O programa citado, “A Crónica”, ten como “editorialista” único, os cinco días da semana, o director do xornal ABC, Bieito Rubido, e a despedida ou “epílogo” do mesmo está confiado, sempre, ao mesmo escritor, Xosé Carlos Caneiro. Así, día após día, semana após semana (monopolio mediático, monopolio literario), como se non houbese máis meios de comunicación escritos nen máis escritores ou escritoras no país. ¿Ou é, señora directora, que procuraron e non atoparon quen quixera colaborar coa súa voz e opinións na Radio Galega? De ofensas directas á miña condición de colaboradora da mesma, tamén mellor non lembrar a miña exclusión da programación central da radio e tamén da televisión con ocasión de ser a pregoeira das festas do San Froilán, na miña cidade natal, Lugo. Funo por convite do concello da mesma e deuse a circunstancia de que se celebrou, como todos os anos, o 4 de Outubro, día de inauguración das festas, e, neste caso, do ano 2012. No día seguinte, comezaba a campaña eleitoral para as eleicións autonómicas que se celebraron o 21 dese mes e ano. Apagón informativo para pregón e pregoeira, fóra dun corte na desconexión local. ¿Que temían? ¿Que eu fose confundir un pregón cun mitin eleitoral? ¿Tanta ignorancia me atribúen sobre os xéneros ou subxéneros literarios? Lea o pregón, por favor. Pode solicitalo ao Concello de Lugo que editou o ano pasado os pregóns lidos desde 1977 a 2012, sendo o meu o derradeiro dos que figuran no volume.

Parabéns: a exclusión dunha voz galega, nacionalista e libre apróximaos a vostedes ao ideal de perfeición que arela o PP e a Xunta

En fin, a cousa non deixa de ser paradoxal. Durante anos e anos de exercicio parlamentar, como deputada do BNG na Cámara Galega, ocupeime de temáticas varias, entre elas os meios de comunicación de titularidade pública. Sempre os defendín. Nunca denominei á TVG “telegaita”, denominación pexorativa e colonizada que ofende, na miña opinión, tanto a música e este instrumento como a televisión e o que ela oferece. Cando digo “defender” refírome a: consolidación de postos de traballo; dereitos sindicais; denuncia de listas negras; necesidade de sedimentar e ampliar a produción propria; independencia dos e das profisionais a respeito do control gobernamental; mellora das programacións; precisión de galeguización conforme á propria lei fundacional… Miudezas así. Pode vostede, por se non o lembra, confirmalo nos Boletíns do Parlamento Galego e mais nos Diarios de Sesións corrrespondentes.

Nunca denominei á TVG “telegaita”, denominación pexorativa e colonizada que ofende, na miña opinión, tanto a música e este instrumento como a televisión e o que ela oferece

Non son raras as voces e posicións políticas e mediáticas que acumulan reservas sobre a necesidade de meios de comunicación de titularidade pública ou, mesmo, que reclaman abertamente o seu desaparecemento.

Farían ben (vostede e os seus xefes) en identificalas e defendérense. Bastante máis produtivo e xusto sería que o que practican: facer pagar a unha colaboradora as críticas doutros meios de comunicación.

Mais, en todo caso, tal e como indiquei ao comezo, parabéns: a exclusión dunha voz galega, nacionalista e libre apróximaos a vostedes ao ideal de perfeición que arela o PP e a Xunta: cada vez máis submisos á superioridade española e europea, a cada paso máis servos, dependentes e españolizados. Isto bate cun pequeno problema: a Lei 9/1984, de fundación da RAG e da TVG, mais todo se andará. Daquela, talvez teñan saudades da clareza e firmeza dun grupo político e dos seus representantes á hora de defenderen a existencia e mellorabilidade manifesta dunha radio e dunha televisión públicas galegas.