O día 2 inauguramos, en Compostela, no Pazo de Fonseca, dependente da Universidade desta cidade,  unha exposición singular, organizada pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas e a Asoc. Cult. ‘O Galo’ que relembra o 50º aniversario da fundación, en 1964, da Unión do Povo Galego, o partido máis lonxevo e sen mudanza de nome de toda a Galiza

O día 2 inauguramos, en Compostela, no Pazo de Fonseca, dependente da Universidade desta cidade,  unha exposición singular, organizada pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas e a Asoc. Cult. ‘O Galo’ que relembra o 50º aniversario da fundación, en 1964, da Unión do Povo Galego, o partido máis lonxevo e sen mudanza de nome de toda a Galiza. Moi lonxe de patrimonializar unha rica documentación histórica, a exposición, comisariada pola profesora da UDC e presidenta da Asociación Cultural ‘O Galo’ e coa inestimábel colaboración de Roberto Vilameá Ponte e co bon oficio sempre ponderado do deseñador e experto Pepe Barro, esta exposición achega por vez primeira documentos únicos na historia contemporánea da Galiza e quer ser non só o relato da  xénese dun partido senón dun movemento popular e social heroico que marcou unha historia de mobilizacións que distinguen e ennobrecen a historia máis recente da Galiza, esa que nunca  fai parte dos interesadamente chamados intereses xerais do Estado, onde nós, galegas-os, nunca collemos, sempre sobramos. Esta historia específica e distintiva non a afiliamos á arqueoloxía ou ao valor do relicario. Se a pomos en valor, é porque ela é semente de futuro e estímulo para o presente. 

"Sempre alto patriota; sempre colaborador; sempre sensato e sempre animado e animante".

Este longo exordio é, na realidade, prólogo do motivo deste artigo: a recordación emotiva e o recoñecemento enorme á persoa e obra de Francisco Carballo, falecido o sábado 29 de novembro e de quen nos sentimos debedores en tantas e tantas achegas. Na exposición que mencionámos, inclúese unha fotografía ben expresiva: nela, Carballo está a corrixir, pincel na man, os topónimos deturpados: o “I” por riba do “Y” de Tui e o “U” de Ourense, escrito “Orense” no rótulo oficial. Nesa foto simbolizamos a simbiose do intelectual (historiador, teólogo, profesor) e do activista cultural e político do noso Francisco Carballo. Tal cal a practicaran as mellores cabezas e corazóns do nacionalismo histórico galego. Sempre alto patriota; sempre colaborador; sempre sensato e sempre animado e animante, fose no seu papel de candidato nacionalista en diferentes eleicións, na Asociación Cultural de Vigo, como fundador do semanario A Nosa Terra, e xa non digamos como pioneiro na escrita e difusión da historia de Galiza.

"Grazas por teres sido tan digno galego; por unires ciencia, fe cristiá e patriotismo. Oxalá que sexamos merecentes do teu exemplo".   

Permítanme unha lembranza persoal. En Novembro de 1979, o Frente Cultural da AN-PG edita a Historia de Galicia, manual utilísimo que acadou tal éxito de distribución e venda que axiña, en menos de medio ano (Marzo de 1980), coñeceu a 2ª edición (4.000 exemplares). Catro autores: Felipe-Senén (Prehistoria e Idade Antiga); Anselmo López Carreira (Idade Media); Francisco Carballo (Idade Moderna) e Xosé Ramón Barreiro Fernández (Idade Contemporánea até 1936). O contributo de Francisco Carballo foi duplamente valioso, xa que ao capítulo mencionado cómpre engadir un Apéndice en que se ocupou da Idade Contemporánea desde 1939 até 1979 e aínda unha utilísima Cronoloxía da historia xeral da Galiza. Carballo foi procesado, acusado de empregar o termo “asasinado” para se referir á morte pola policía franquista de Xosé Ramón Reboiras Noia, militante da UPG liquidado, en Ferrol, no 12 de Agosto de 1975. A petición era de seis meses de cárcere. A súa defensa dispuxo a miña intervención no xulgamento como “lingüísta”. O meu papel, seguindo as instrucións correspondentes, consistía en “demostrar” que o termo “asasino” en galego tiña acepcións máis amplas que en español e non necesariamente inculpatorias. Así, usei como exemplo que un coñecido e antigo restaurante compostelano chamábase “O Asesino”. Vista a miña “argumentación”, o xuíz perguntoume daquela (en español, of course) se, no canto de “matar el cerdo”, se podía dicer “asesinar el cerdo”, no tempo de outono habitual. Respondín, toda convencida, que por suposto, faltaría máis: claro que se asasinaban os porcos no noso país. Todo por defender o noso compañeiro e amigo, vítima dunha das tantas persecucións-represións do post-franquismo ou da autochamada democracia daquela. Xa ben poden comprender as risadas que a anécdota nos deparou. 

Francisco Carballo: grazas por teres sido tan digno galego; por unires ciencia, fe cristiá e patriotismo. Oxalá que sexamos merecentes do teu exemplo.   

(Este artigo foi publicado no número 125 do Semanario Semos Galiza con motivo do pasamento de Francisco Carballo)