O 15 de xullo cumpríronse 130 anos do falecemento de Rosalía de Castro


O próximo día 15 cumpriranse 130 anos do falecemento de Rosalía de Castro. Por xentileza de Carlos Bernárdez, sempre cordial e xeneroso, teño na man a copia da portada dun libro de Murguía que hai pouco el puido adquirir lonxe da Galiza. Desde aquí anímoo a que sexa el quen o conte á frente dunha monografía sobre o mesmo, que leríamos avidamente. Trátase do volume El arte en Santiago durante el siglo XVIII y noticia de los artistas que florecieron en dicha ciudad y centuria. Está editado en Madrid, no “Establecimiento Tipográfico de Ricardo Fe” ( o mesmo onde se editou a derradeira obra de Rosalía de Castro publicada en vida dela, En las orillas del Sar), no ano 1884 (ano en que tamén sae á luz esta obra rosaliana). Dispoño igualmente da dedicatoria do libro de Murguía citado que me enviou Carlos. Reza así: Á mi hija Alejandra Teresa. ¡Sea pues; y que las horas propicias hagan reverdecer en tus sienes juveniles aquellos laureles que, agostados ya por innumerables dolores, ciñen todavía la frente de la que te llevó en sus entrañas. Pueda yo ver á lo adelante vuestros nombres unidos brillar en el cielo de la patria, tal como en mi corazón vive unido también vuestro amor inmaculado. Y allá, cuando en la tarde de mi vida luzca el sol postrero que deba alumbrarle, que una mano inmortal cierre mis ojos para siempre y que esta sea la tuya, Alejandra querida! Lestrove (Padrón), 8 de Noviembre de 1874. Confésolles que me produce unha pena enorme ler e reler esta dedicatoria. Alejandra, a dedicataria, conta con 15 anos á altura de 1874. Vai sobreviver ao pai 14, así que tivo ocasión de estar con el até o fin da súa lonxeva vida (case 90 anos). O que coñecemos dela como pintora e debuxante é moito máis que estimábel, mais o ronsel do que pudera ser unha brillante carreira artística semella fanado pola mesma contra que padeceran seus pais. Mais outros dous aspectos merecen a nosa atención. Repárese en como Murguía, co eufemismo acostumado, dá conta do ostracismo padecido por Rosalía de Castro. Isto, en Novembro de 1874, murcho o sexenio revolucionario e en plena involución restauracionista. E, en segundo lugar, observemos como median dez anos, nada menos, entre dedicatoria e edición, lapso indicativo, sen dúbida, das dificultades de publicación de calquer libro con asunto referido á Galiza (tal cal refere Rosalía de Castro no ensaio inicial de Follas novas verbo da demora na publicación que padece esta obra).

A obra de Rosalía non se entendería se obviásemos o uso recorrente da ironía e do humor como intelixentes lubricantes dunha comunicación literaria por outra banda submetida ao imperio da censura

Mais conxuremos a tristura histórica botando man da propria Rosalía de Castro, cuxa obra non se entendería se obviásemos o uso recorrente da ironía e do humor como intelixentes lubricantes dunha comunicación literaria por outra banda submetida ao imperio da censura. Moito me teño lembrado do que agora vou reproducir, á vista dun fenómeno dos nosos tempos que acada proporcións de histeria. Mentres ¾ partes da Humanidade pasan fame ou morren por falta de alimentos básicos ou de auga potábel ou mentres millóns de crianzas falecen por doenzas curábeis en habendo meios, nas televisións occidentais, españolas incluídas, inzan os espazos dedicados á arte culinaria, sempre baixo a pauta dunha brutal competición que recorda o boísimo filme Danzade, danzade, malditos. Falo de memoria (polo que lin ou ouvín), porque ver, non vin nengún destes programas, mais coido que o diagnóstico se aproxima ao que digo.

E ben, a resposta a semellante histeria competitiva, infancia incluída, cólloa do capítulo XXIII (o penúltimo) da novela rosaliana El caballero de las botas azules (1867). Non lles refiro o contexto, para así animalos-as a que (re)lean a novela enteira. Só transcrebo o menú dun fantástico banquete que precede á apoteose final. Díganme, por favor, se non é da máxima actualidade (e unha canteira de suxestións para quen se animar a lle dar forma teatral adaptada aos nosos días):

Amarguillos a la verdad. Soplillos de gabinete. Esperanzas de aire. Alfileres dulces. Pronto hecho. Pronto comido. Pechuguillas de dama, en salsa a lo jefe. Pollos al amor, salteados. Cangrejos a lo ministro. Pavos de salón en papel. Escombros a lo ama de casa. Palos de sorpresa. Caracoles a lo diputado. Revueltos a la moderna. Alondras al minuto. Pasteles de banquero. Pepitorias a lo editor. Agujetas clásicas de limón a lo literato. Mermelada de general. Manzanas infernales. Pudding supremo de la victoria, a lo botas azules.  

Este artigo viu a luz no número 153 do semanario Sermos Galiza.