Non sen asombro lin neste dixital a noticia da petición de demisión da deputada Paula Quinteiro do Parlamento Galego pola súa participación en incidentes nocturnos composteláns onde interveu a Policía Local. Con máis asombro aínda leo que, nun inquérito montado ad hoc, unha ampla maioría de votantes secunda a tal demisión, para alén de esta ser pedida tamén pola súa formación política ou polo conglomerado eleitoral baixo a que funciona. Non coñezo persoalmente a tal deputada, ignoro cal sexa a cantidade e calidade do seu traballo parlamentar e, sobre de todo, escuso aclarar que a miña militancia de décadas e o meu traballo político nada teñen a ver coa súa pertenza a unha organización política española que xustamente naceu e progresou para lañar ou intentar liquidar o nacionalismo galego. Non é, pois, por nengunha razón de adhesión persoal ou política polo que escrebo estas liñas, senón por un outro tipo de razóns que a seguir expoñerei.

Se esta deputada, como calquer outra persoa, interveu directamente en actos de vandalismo, por utilizar a denominación convencional, como é que non foi ipso facto denunciada pola Policía Local?

 

O que me escandaliza é o seguinte. Se esta deputada, como calquer outra persoa, interveu directamente en actos de vandalismo, por utilizar a denominación convencional, como é que non foi ipso facto denunciada pola Policía Local? Se non foi así e ela asegura que se limitou a mediar nos mesmos, como é que se critica que fixese valer a súa condición de deputada do Parlamento Galego, como se isto fose un alarde de prepotencia e non unha prerrogativa estabelecida pola propria Cámara? Copio literalmente o que figura na tarxeta de todos os membros da mesma: “Rógase ás autoridades e os seus axentes que faciliten a asistencia debida ao titular desta tarxeta, tendo en conta a súa condición e prerrogativas parlamentarias”. Se non se estiver de acordo con isto, múdese ou plantéxese unha reforma do regulamento da Cámara, mais non se atribúa a quen non estabeleceu tal prerrogativa. Como non era dabondo a reacción da policía local, axiña acudiron á queima membros da súa propria formación política, na petición de retirada. Exemplar! Acaso descoñecemos que o PROTOCOLO de todas as forzas e corpos de seguridade consiste na denuncia preventiva, isto é, en convertérense en atacados en calquer “disturbio” público? Miles de casos o certifican. Insisto en que non entro a valorar o que sucedeu na noite etílica compostelá, porque o ignoro, e moito menos vou defender que se destroce mobilia urbana ou bens privados ou públicos. Non foi nunca nen é o meu proceder. A cuestión non vai por aquí.

Botarei a memoria a funcionar para ilustrar o que digo. Ano 1991, un día calquera, ás dez e vinte da noite. Unha servidora chega ao Parlamento, ao que pertencía como deputada do BNG, para, na súa explanada exterior, aparcar o vehículo. Reixas de entrada cerradas. Fago o sinal correspondente, identifícome perante os guardas de seguridade e accedo ao recinto. Alí, son parada para eles me requeriren de novo a miña documentación. Reclamo eu a súa. Amosan a placa do uniforme. Non me abonda. Quero ver a súa tarxeta. De moi mal xorne, aceitan. Volven examinar por arriba, por abaixo e polo medio a miña tarxeta de deputada. A seguir, ousan perguntar: “¿De qué partido es?”. Respondinlles cunha gargallada, aparquei o meu auto e marchei. No día seguinte, puxen tal episodio no coñecemento do Presidente do Parlamento, D. Victorino Núñez na altura. Escandalizouse tanto ou máis ca min e ordenou decontado unha investigación do caso, que chegou ao gobernador civil da Coruña e mais ao comisario xefe desta cidade. Foi así porque os tais guardas tiveron a ousadía de me denunciaren eles a min por “desacato” (!!!!!!!). Fun requerida para me entrevistar co gobernador civil, D. Ramón Berra Pereira, que previamente perguntara a Xosé Manuel Beiras se eu era “violenta” (era parente da súa dona, Aurora Pereira). Informado da miña non “violenta” condición e explicado por min o caso tal e como se producira (explicacións que debín repetir perante o comisario xefe), díxome que se procedería en consecuencia. Os tais guardas foron sancionados con dous ou tres días de suspensión de salario (por certo, o gobernador lembrou que tiñan a OBRIGA de (re)coñeceren os e as membros da Cámara e que el proprio fora vítima dunha parada improcedente por parte de policías de tráfico, pois eles deben coñecer as autoridades da provincia).

Ela asegura que se limitou a mediar nos mesmos, como é que se critica que fixese valer a súa condición de deputada do Parlamento Galego, como se isto fose un alarde de prepotencia e non unha prerrogativa estabelecida pola propria Cámara? 

 

Ben, agora a segunda parte. A partir de aquí, comecei a sofrer repetidas chamadas telefónicas anónimas no meu domicilio, a horas intempestivas incluídas (gravei algunhas), sen a máis mínima resposta pola miña parte, claro está. As ameazas, insultos e obscenidades son para non lembrar. Unha noite-madrugada, un amigo presente nunha reunión na miña casa si tivo a vontade de falar co energúmeno correspondente, con palabras grosas equivalentes aos insultos do comunicante. As chamadas continuaron. Pouco tempo despois, miña nai pasou unhas semanas comigo. Era muller valente, mais eu, para non a preocupar, ocultei a orixe e natureza de telefonemas que se producían, por exemplo, ás dúas da mañá. “Alguén que se confundiu”, dicíalle. Como esta trola era dificilmente sostíbel no tempo, denunciei xudicialmente o caso e a xuíz ordenou a intervención do meu teléfono durante quince días. Oh, milagre! Nestes quince días, non houbo chamada ignominiosa nengunha! Que casualidade! Final da historia: telefonemas semellantes foron recebidos na sede parlamentar do grupo do BNG e aí si que se puido averiguar claramente de onde procedían, porque figuraba no teléfono a extensión de referencia, a terminal dos guardas de seguridade, cousa que eu non podía averiguar no meu domicilio, porque daquela os teléfonos (os particulares, polo menos) non rexistaban o número do comunicante.

Edificante historia, abofé! Podería aducir bastantes máis exemplos, como a loita impotente e desesperada de miña nai e de máis viciños dunha rúa do centro de Lugo para trataren de evitar o balbordo, pelexas etcétera dun pub que nela tiña o seu local e que todos os fins de semana do noso Señor armaban un pandemonium insuportábel en plena rúa: imposíbel durmir ou aliviar co descanso unha doenza. As denuncias foron reiteradas; chegouse a montar unha carreira de motos a toda potencia en plena rúa, subindo e baixando a todo motor. Cando se solucionou o problema? Cando o pub, de que era socio proprietario un policía municipal, pechou, anos despois. Magnífico exemplo de grande eficacia policial!

Calquera dos que isto leren terá no seu haber vital moitos máis exemplos, e máis graves aínda. Para nada quero sobrancear un recordo autobiográfico. Simplesmente, refrescar a memoria dalgúns amnésicos voluntarios. Volto ao comezo. Os ventos da Meseta, que dirían os nosos clásicos, seica afectan tamén cabezas e corazóns galegos. O espírito da Inquisición non se cancelou na España política. Estámolo vendo e padecendo de forma dramática en Catalunya: totalitarismo, españolismo ditatorial, persecución, represión, cadea: eis a linguaxe do Estado e de todas as súas axencias, nunha secuencia continuada de castigo, nunha cegueira ominosa do que é e de como é o povo catalán ao longo da historia. As galegas e galegos sabemos ben de que vai e, colectivamente, pagamos xa alto prezo na historia e no presente. Mais xa se ve que cómpre se sumar ao coro vingador. Pataqueiradas da baixa política, cando non se quer, non se sabe ou non se pode nomear os problemas políticos de verdade.