Por máis que a imaxe sexa repetitiva, non deixa de me chamar a atención


Por máis que a imaxe sexa repetitiva, non deixa de me chamar a atención. No paseo diario que non perdoo, observo como moita xente, de calquer idade, camiña e manexa o telemóbel; mesmo, vai correndo e examínao ou leva a vista fixa nel; inclusive pedaleando na bicicleta, facendo caso omiso do can que con moita frecuencia vai alasando atrás do amo ou ama… En fin, ligazón ou dependencia da pantalla que semella imposíbel de romper, mesmo nunha actividade hixiénica ou deportiva que a tantos interesa e practican. Estoutro día resultoume a escena moito máis rechamante aínda, pois dábase a circunstancia de que, entre lusco e fusco, o solpor resultaba espectacular (e desculpen o adxectivo tópico), por demorado, colorido, plácido… Como tantos da nosa terra, en tantos lugares e, en particular, cando podemos contemplar o abrazo terra-mar que tan ben nos define. A xente que mencionei ficaba ensimesmada (ou apantallada), allea por enteiro a semellante recital de beleza. Foi aí onde asociei esta carencia, ou esta ausencia, á falta de consideración das evidencias máis patentes que poden gobernar a escolla do voto.

Sobre o nacionalismo galego opera un decreto non escrito de desaparecemento, un veto non por explícito menos contundente. A axenda, o temario político galego, naufraga nun oceano a cada paso máis españolizado e españolizador. O diktat exterminador pretende facer desaparecer anos de historia e actividade política efectiva, tanto na rúa como na realidade laboral-social e nas institucións. Confúndese a mantenta a opinión pública cando se continúa a falar da “división” (?) do nacionalismo. Mestúranse desexos con prognósticos cando se vaticinan baixadas ou desaparecementos. Desprestíxianse a pé feito a actividade política e as organizacións partidarias, para que siga a triunfar a ÚNICA política admitida e os partidos do arco españolista, nun bipartidismo ampliado. No cimo do delirio, acúsase o BNG de rachar unha unidade por parte mesmamente de quen no seu día a fomentou e a traballou. Ignórase o principio básico de quen fai política galega sen precisión de telefonar a Madrid ou sen pedir permiso por correo electrónico. Confúndense, en fin, militantes con teclistas, como se ambas condicións fosen equivalentes. Todo o que ten a ver con auto-organización, práctica da lingua galega e defensa constante da mesma, é convenientemente vaporizado.

O temario político galego naufraga nun oceano a cada paso máis españolizado e españolizador

O triplo V, en suma, segue vixente. Dotármonos do dereito de voz, de voto e de veto, e exercérmolo, ou ben apontármonos á máis negativa das tradicións ou  das rotinas galegas: a dependencia, a necesidade da tutela de elementos españois hoxe fabricados e alimentados desde as pantallas televisivas e cibernéticas (a telepolítica, o neocacicato). Cebar, en fin, a nosa submisión, a nosa minoría de idade ou, por contra, proseguirmos un camiño de libre determinación, de responsabilidade como suxeitos xurídico-políticos, de caírmos na conta de cais son os nosos problemas colectivos e de cais poden ser a RESPOSTA e a ALTERNATIVA, de nós emanadas e a nós dirixidas.

Seremos quen de lembrarmos a nosa propria historia? Seremos quen de afastar por uns momentos a ollada do telémobel e contemplarmos a postura do sol?

Este artigo viu a luz a pasada quinta feira 14 de maio nas páxinas de Opinión do número 145 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.