Mentres miles de rapazas e rapaces galegos teñen que darlle ao zoco polo mundo adiante para desfrutaren dun traballo

Mentres miles de rapazas e rapaces galegos teñen que darlle ao zoco polo mundo adiante para desfrutaren dun traballo  -tantas veces precario e mal pago-, o noso país é destino, sobre todo no verán, de miles de turistas estranxeiros. Nun lugar da costa galega, os nativos non chegaríamos ao cinco por cento. Madriñeños e bascos, a maioría. Fillos ou netos de emigrantes con retorno ocasional ao país de nacemento de seus país ou avós completan a clientela. Xa Dª Emilia Pardo Bazán ponderaba a extraordinaria riqueza da Galiza como destino turístico, así que as visitas á colonia non son moda actual en absoluto. Tamén non é novo o enxalzamento da nosa nación pola súa paisaxe e a súa gastronomía. Reparemos agora en evidencias repetidas e repetitivas que nos oferecen unha fotografía da dependencia que perdura con toda a naturalidade. En moitas festas de vilas e parroquias, as bandeirolas azul e brancas acompañan ás obrigadas españolas; esta homenaxe simbólica sepulta a pergunta fundamental: que nos dá España, que beneficios nos chegan dela para lle render este permanente tributo de pleitesía?

En múltiplos lugares do noso país, os turistas estranxeiros gozan do tempo fresco ansiado, se proceden de lugares abafados pola calor; reláxanse cunha paisaxe insuperábel; coñecen xoias da nosa arte e, como non, comen e beben, nunha relación calidade/prezo, como non o poden facer en nengún outro lugar do Estado. Se a súa opción é embebedárense a baixo prezo, aquí van ter  -agasallo da casa-  licor café, augardente de herbas ou calquer outra bebida das moitas e boas que entre nós se elaboran. O galego escrito brilla pola súa ausencia ou fica convenientemente residualizado. O oral, concentrado na coloquialidade, no ámbito doméstico ou na fala das traballadoras e traballadores que os atenden. O valor do oferecido aos estranxeiros non incorpora unha engádega fundamental: a permanente atención no seu idioma, se é o español, ou aínda millenta facilidades para seren atendidos en inglés ou para seren auxiliados nas súas peticións, sexa cal for o idioma que practiquen. Que prezo cabe poñer a semellante vantaxe? Como se cuantifica un privilexio tal, que aforra tempo, incomodidades e todos os inconvenientes que nos provoca facernos entender nun idioma descoñecido ou mal coñecido? Por contra, canto pagamos os nativos pola exclusión da nosa lingua en hoteis, restaurantes, bares…? Traballo galego, diñeiro galego… ao servizo da ausencia completa do galego.

Riadas de xente moza a saíren do pais. Miles de turistas a entraren nel para se beneficiaren do que os nosos connacionais non poden desfrutar

De modo e maneira que, en aspectos fundamentais, seguimos como noutrora. Riadas de xente moza a saíren do pais. Miles de turistas a entraren nel para se beneficiaren do que os nosos connacionais non poden desfrutar. Paisaxe e gastronomía made in Galiza. Desconexión completa entre arte, humanización do territorio e a historia que as alimentou. Metonimia abusiva (“me voy a Galicia”, “veraneo en Galicia”) e ignorancia do que esta nación foi e do que esta nación é.

E todo isto vese como natural desde os gobernos español e galego e, por tradición e por imposición político-mediática, na propria povoación. Natural que emigremos, pois os galegos viñemos a este mundo para incrementar economías alleas e destinar as nosas enerxías ao aumento do PIB doutros. Natural que o galego non exista como idioma formal, como idioma escrito, pois xa nos entendemos todos e non é preciso elevalo á condición de lingua de verdade. Natural que sobreactuemos na atención aos estranxeiros, pois seica dependemos deles para comer. Natural que nos ocultemos, pois cómpre reverenciar o amo. Natural que, sendo negros, queiramos ser brancos, por orde da superioridade que así o estabelece.

Retrato esaxerado? Talvez. Afortunadamente, todo o que o nacionalismo galego, na súa práctica e actuación social, puido mudar desta fotografía, é proba da reversibilidade desta situación, garantía de modernidade e estímulo para o futuro. Mais o apontado neste artigo non é fillo do pesimismo nen da rotina analítica. Existe, impón unha naturalidade nefasta, ocúltanos as evidencias máis clamorosas. Coñecelas é, na miña opinión, o ponto de partida ineludíbel para superalas, para dotármonos dunha outra naturalidade: a que nos afirma, dá a coñecer sen disimulacións e oferece de nós o retrato do que somos, non do que os outros (e nós mesmos) pensan que somos.

Este artigo viu a luz esta quinta feira 20 de agosto no número 159 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.