Prezado Suso:Nunha viaxe que emprendín desde a Galiza no día 9 do presente mes, fixen escala no aeroporto de Barcelona. Merquei o xornal Ara, que anunciaba a toda plana “Els presos i exiliats exhibeixen unitat abans de la Diada”. No interior, figuraba o texto íntegro, sob o título “Dignitat democràtica i llibertat”, asinado por todas e todos os presos e exiliados, que lin atentamente: apelo a encher de novo as rúas barcelonesas co gallo da próxima Diada. Así finaliza: “L´Onze de Setembre omplim Barcelona de dignitat democràtica i llibertat, sense cap por a seguir defensant la independència i la República Catalana com el millor projecte de present i futur, i com la millor alternativa democràtica, davant un Estat que no té cap proposta per a la ciutadania de Catalunya i que només respon amb la repressió i amb un “NO” permanent. Amb el record dels qui ja no hi són i pel futur dels qui han de venir, compartir aquesta lluita amb tots vosaltres és un honor. Per tornar‑ho a fer, cal tornar‑hi a ser”.

Na páxina seguinte, batín co teu artigo, que, naturalmente, lin decontado e coa satisfacción de, como escritor galego, colaborares neste xornal catalán. Tituláchelo “L´esperança” e tamén ti fas unha chamada ao bon suceso da inmediata Diada, após unhas consideracións sobre a lousa da herdanza española e sobre o mantemento, na sincronía actual, dos vellos modos represivos. Neste contexto, apontas que a asistencia á Diada é unha obriga cívica para quen desexar que Cataluña exista a pesar de todos os que a odian. Para quen o dubidar, pedes lembrar que hai persoas que non teñen un horizonte real de liberdade, mais eles, os cataláns, si. Así conclúes: “Defensin les seves vides i les seves llibertats per vostés mateixos, els altres podrem beneficiar‑nos del seu exemple de dignitat i valentia”.

No medio e medio do artigo fas unha declaración que mesmamente é a que che quero comentar: “Soc ciutadà d´una nació que no existeix –la meva Galícia, que no té dirigents que li mostrin els seus problemas sota aquest estat–, pero vostés, catalans i catalanes, no estan en aquesta situació”. O primeiro que pensei foi que a Galiza “existeix”, vaia si “existeix”! Tanto para os que disto teñen conciencia como, para mal, para todo o entramado español, o que existe xustamente para manter a nosa subordinación e dependencia. Quero dicer que a existencia da nación galega non se pode supeditar á existencia dunha estrutura de clase social e de goberno que así o exterioricen e fagan valer. Que dúbida cabe que esta manca histórica galega é a que determina o estado de cousas actual, mais o comparatismo galego‑catalán, sen este handicap, só conduce a explicacións raciais ou esencialistas, que, obviamente, nen ti nen eu profesamos.

Se a sincronía catalá actual está a moita distancia mellorada do estado de conciencia nacional galega, non é, claro está, por nengunha “superioridade” conxénita, senón porque, como povo, puideron, mal que ben, manteren institucións proprias de goberno moito máis tempo do que nós; unha cohesión social e sentido nacional máis denso e mantido; e, igualmente importante, na época actual, unhas equipas de goberno que non só serviron esta historia senón que se esmeraron en actualizala e reforzala. Sen esta recordación e, asemade, sen a lembranza de que en nós a “autoanemia” operou no sentido totalmente contrario, coido que non se entende a evolución e a “fotografía” actual dunha e doutra sociedade.

Manteño contactos asiduos con amizades catalás desde hai décadas. En múltiplos encontros bilaterais ou internacionais, “mateime” por tentar explicar a especificidade‑“rareza”‑distintividade da realidade galega. Sempre agradecín esta amizade, respeito, vontade de coñecemento dela por parte dos meus anfitrións. Distribuín textos dos nosos clásicos que causaron admiración e abraio por non seren coñecidos nen valorados. Quero indicar con isto que me esforcei en oferecer unha visión realista de nós, tendo en conta toda a lousa de preconceitos existente e multidistribuída. Si, eu, como galega, tamén estou agradecida e recoñecida á loita do povo catalán, mais sei que a nosa, a do povo galego, somente nós a poderemos levar a termo. Na medida en que a ela colaboremos, seremos valorados e existiremos con máis garantías. A miña aperta.

[Este artigo de opinión foi publicado no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza]