Hai dúas semanas, aproximadamente, tiveron lugar as probas de acceso á universidade para o alumnado de bacharelato. 

Hai dúas semanas, aproximadamente, tiveron lugar as probas de acceso á universidade para o alumnado de bacharelato. Nunha emisora de radio ouvín referencias aos nervos das e dos estudantes, caracterizados con palabras como “tensión” e “stress”. Na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña onde traballo celebráronse varias destas probas e, durante dous días, coincidín con moitos dos examinandos. Non me coubo observar nada do que a radio e outros meios de comunicación adiantaban. Lamentabelmente, nos tempos que corren, acceder aos estudos universitarios, culminar unha titulación, realizar os mestrados correspondentes e o etcétera que quixeren… non garante en absoluto a obtención dun emprego, dun posto de traballo, de modo e maneira que  -para quen se pare a pensalo unha miga-  pouco útil é que se empecen a poñer os nervos nervosos tan cedo. Desde logo, “nervos” temos non os que queremos senón os que podemos, mais ao que me refiro aquí é a fabricar antecipadamente ou ben a dar por feito sen remisión que á forza debamos estar desacougados por ter que realizar unhas probas-exames para ingresar no seguinte nível de ensino. Chámame a atención que elas, as probas en si (non os “nervos” que causen), non se cuestionen co obvio argumento de que deban realizar un exame “por libre” alumnas e alumnos que cursaron estudos oficiais durante quince ou máis anos consecutivos. Así mesmo, que non se acredite na capacidade avaliadora das profesoras e profesores que, durante un curso enteiro (o 2º de bacharelato), poden verificar, en vivo e en directo, os coñecementos e formación precisa do alumnado. Afinal, aínda que as percentaxes de aprobadas-os son moi altas, non semella moi moderno pedagoxicamente facer depender o ingreso á universidade duns exames escritos máis que discutíbeis no seu plantexamento. Voltando ao comezo: hai que estar con nervos porque así o ordenan os meios de comunicación. Boa maneira de formar individuos animosos, fortalecidos e realistas, si señor! (que diría don Ánxel Fole).

Nas mesmas datas, tamén me foi dado contemplar e ler anuncios da Universidade de Vigo, que celebra o seu vixésimo quinto aniversario con este slogan: “25 anos xerando actitude”. Alto aí! Confésolles que a frase me impactou. De primeiras pensei nunha confusión: será, coidei, “xerando aptitude”, o cal xa me resultaba sofisticado dabondo. Mais non, non se trataba de confusión nengunha. Era, repetido unha e outra vez, o mérito de “xerar” actitude. Daquela, deille voltas de arriba para abaixo e de abaixo para arriba e non dei conseguido, por máis que o intentei, entender como se pode “xerar” unha actitude. Digo eu que se poderán “xerar” como moito coñecementos, informacións ou instrucións, por non falarmos do abuso deste verbo, que elimina outros como “producir”, “provocar” ou, simplesmente, “facer”, mais, se agora tamén se poden producir actitudes, entón preparémonos xa para operarmos baixo consigna en calquer lugar e momento. En fin, se o anuncio valer para reter estudantes nesta universidade galega, como nas outras do país, benvido sexa. Eu alégrome de que esta universidade aumente os seus alumnos e alumnas, aínda que sexa “xerando actitude”…

Non dei conseguido, por máis que o intentei, entender como se pode 'xerar' unha actitude

E non me resisto a concluír sen comentar a publicidade que adorna un envase de papel hixiénico: “O triplo rolo inteligente”. Transcrebo en portugués (a outra lingua é o español), unha das poucas oportunidades que temos as galegas e os galegos de lermos textos comerciais no noso idioma.

 Así que non abondaba coa má tradución do inglés (servizos de “intelixencia”) ou con lle aplicar o adxectivo a unha casa (?) senón que tamén vale para o útil hixiénico. O que non sexa “intelixente”, que será: torpe?, parvo?, imbécil? Escollan vostedes, que a min (como diría “Caga na brocha”, célebre personaxe da miña infancia luguesa) dáme o riso…