Tal definición: “varón, español, con acento gallego”, así, tal cal, figura no atestado policial dun dos compañeiros do BNG procesados

Tal definición: “varón, español, con acento gallego”, así, tal cal, figura no atestado policial dun dos compañeiros do BNG procesados por practicaren o que tan de moda está nestes días, a liberdade de expresión, exercida, no mes de Agosto pasado, para protestaren, en Compostela, pola visita da señora Merkel e do señor Raxoi, que algo deben de ter a ver coa situación da economía e da sociedade galega. Abandeirando as políticas que executan e obedecen, respectivamente, non é de estrañar que existan nativos interesados en lle faceren ver á dirixente alemá e mais ao presidente español que nesta nación, na Galiza, para alén de maravillas da paisaxe, de xoias da arte e da historia e de delicias gastronómicas, hai voces despertas, voces vivas e críticas, que se permitan exteriorizar a súa protesta. A tan amentada liberdade de expresión (unilateral, proclamada ou declamada só para que nunca a exerzan os contrarios ás políticas comunitarias, ás políticas españolas verbo da Galiza) concrétase nunha infame lei de seguranza cidadá, léase, de represión cidadá, e na represalia contra quen ousa abrir a boca na súa propria terra.

Díganme se a prosa policial non é digna da máis acabada perspectiva colonial aplicada sobre de nós. Ese “acento gallego” é a denominación que se lle dá á lingua galega, a falada polos denunciados. Onde? Na Galiza!!! Para os castellano-falantes, mesmo ter sotaque galego, sendo tais e residindo na Galiza, é unha redundancia. Que “acento” van ter máis que o galego, mal que lles pese a algúns? En que Madrid, en que España, ten a cabeza e a man o autor do atestado? É tal a submisión, como funcionario, a quen paga, que arrasa as evidencias flagrantes?

En que Madrid, en que España, ten a cabeza e a man o autor do atestado? 

Teño repetido millenta veces o contraproducente que resulta, no vocabulario nacionalista galego, aceitar acriticamente os tópicos do españolismo, en calquer das súas versións. Un deles pasa por separar, en escisión intereseira, os asuntos sociais e económicos de importancia dos factores “identitarios”. Repelente adxectivo, abofé, a por de manipulación. A lingua propria sería un deles, unha especie de apósito engadido a unha esencia común ao resto dos mortais, isto é, dos españois. Craso erro. Acaso a lingua non é o definidor principal e indisimulábel dun ser diferente? Imos acreditar, no século XXI, na división corpo-alma, adxudicando a aquel a mellora das condicións de vida e de traballo e a esta o cultivo do idioma, do espírito e dalgunha delicuescencia cultural? Que ranciada, meu Deus! Cando nos decataremos de que non haberá nunca progreso real se renunciamos a exercermos o que outros practican con toda a naturalidade, o seu proprio idioma?

Haberemos de retornar á infancia para termos algunhas cousas claras? Un neno de sete anos, galego-falante coa familia e o seu entorno próximo, en español, des que vai á escola, cos seus compañeiros, fala neste idioma con eles nunha actividade deportiva. Polo que fose, bota polo medio unhas frases en galego. Sorpresa-pergunta dun deles: “Oh!, pero este en qué habla?” Resposta fulminante, como se sentise ofendido: ¡”Eu falo galego, porque son galego!”. Tal cal. Seremos galegos-as ou seremos un “acento”?

Este artigo apareceu publicado no número 129 de Sermos Galiza, disponíbel na súa integridade na nosa loxa.