O día da lúa nova mesmo na cidade hai un son inconfundible que enche o aire.

O día da lúa nova mesmo na cidade hai un son inconfundible que enche o aire. As voces das mulleres percorren as rúas para chamar, para alentar os espíritos de quen xa nos deixou pero sempre volve. As voces, que se erguen por unha terraza e pola outra, levan todas o mesmo chamado: kakakakakaka. Non hai outra forma de chamar os espíritos pasados e idos, outra forma de alimentalos que non sexa a través do corvo, kaka. 

O corvo é ese ser omnipresente en Támil Nadu, ese animal que se atopa no rural e na cidade, que percorre e observa todos os movementos dos seres humanos, que leva canda si as historias do día a día e do pasado. O seu grallar superponse a calquera outro canto, estridente e espectral. Os corpos dos corvos tisnan cada minuto do día, os peteiros abertos ao ceo, sempre con algo que dicir, inapreixable.

Non hai outra forma de chamar os espíritos pasados e idos, outra forma de alimentalos que non sexa a través do corvo, kaka

O día da lúa nova as mulleres déixanlles comida e considérase mal fado que non a coman, un rexeitamento do corvo é un rexeitamento das persoas que nos deixaron, que nos quixeron, que nos pelexaron, que nos conformaron. O resto dos días sinalan coa súa presenza a chegada das visitas, son sempre motivo de ledicia, bardos do benestar.

N’A música dos seres vivos os corvos son tamén a identidade convulsa de MK, a protagonista. Representan un símbolo que non pode traducirse. O mal fado do corvo en occidente, a súa cor negra, estigmatizada no mundo da xente branca, non pode traer boas novas. MK fai del o seu símbolo porque usalo é subverter o seu significado, proclamar que se vén doutro lugar onde as cousas non se entenden do mesmo xeito, nin sequera, para empezar, a propia voz. O corvo é precisamente a metáfora de que todo aquilo que a hexemonía sinala como errado pode ser non só a nosa maior forza, senón a nosa fonte máis importante de novos significados.



x