Hai uns días, unha amiga e lectora preguntaba se en En vías de extinción


Hai uns días, unha amiga e lectora preguntaba se en En vías de extinción, a novela onde por primeira vez aparece MK, nalgún lugar se mencionaba o feito de que fose negra (e vou utilizar este termo no sentido que se fai en Gran Bretaña, é dicir, como inclusivo de todo tipo de persoas non brancas). Para min foi unha pregunta curiosa porque evidentemente ao crear o personaxe de MK sabía a súa orixe, a súa cor e pel, a súa historia e puidera ben non facer referencia ningunha a algo que para min era “evidente” nesa primeira novela do Ciclo dos elementos. Mais o interesante da pregunta foi o que falamos despois, o debate sobre a creación da identidade branca a través da literatura. A identidade branca segue sendo aquela que se constrúe “por defecto” , a que non precisa descricións nin especificacións. Son sempre as “outras” as que cómpre definir dunha maneira específica para seren comprendidas. E velaí están os alicerces do racismo.

Como integrante privilexiada dun sistema racista opresor está na miña man educarme e transformarme

Cando hai moitos anos xa lin A Suitable Boy de Vikram Seth antes de viaxar ao Sur da India por primeira vez, decateime de que era incapaz de imaxinar as personaxes e a súa historia. Por primeira vez fun consciente de que as miñas lecturas adquiridas ata aquel momento estaban poboadas só por persoas brancas, a miña imaxinación atrofiada para outros lugares. Era momento de cambiar e dende entón as escritas das persoas brancas son minoritarias no meu acervo cultural porque entendo que como integrante privilexiada dun sistema racista opresor está na miña man educarme e transformarme. A literatura é unha ferramenta marabillosa para facelo porque o racismo, igual ca o sexismo, se constrúe no imaxinario. Para ser máis exacta, se cadra, mediante unha carencia de imaxinación.



x