Hai uns días lía con certa estupefacción unha información dunha ONG de cooperación española

Hai uns días lía con certa estupefacción unha información dunha ONG de cooperación española que indicaba que ante a situación de crise vivida no país decidiran comezar a traballar aquí dando bolsas de comedor a crianzas sen recursos. Non vou dicir que me sorprendese nin a noticia nin as reaccións positivas que esta recibiu. De feito, é imposible que me sorprenda, dado que nos 21 anos que levo traballando en cooperación podo ver unha involución cada vez máis preocupante do discurso cara ao “aquí hai moito que facer, non sei para que hai que ir a eses países de por aí”. A despreocupación con respecto á cooperación é manifesta e mensurable a nivel gobernamental, o cal non é senón un reflexo da despreocupación da cidadanía por cousas que, total, pasan noutros lugares. Ata que chegan á nosa porta.

Estes días os corpos aparecen nas noticias. Corpos que foxen, mortos. Coma se non fosen persoas. Hai quen leva as mans á cabeza, hai quen planifica cumios para un día que teñan libre, hai quen clama o reforzo das fronteiras, máis control e control. Hai quen, na impotencia do momento, ofrece acubillo na situación extrema (e aínda menos mal). Aquilo de pensar un chisco máis en profundidade na vella Europa que tanto se gaba de “cultura” levámolo francamente mal. Se o fixésemos veríamos a conexión inequívoca entre o desinterese xeneralizado da cidadanía pola cooperación ao desenvolvemento crítica e a situación que os medios denominan de “crise d*s refuxiad*s” ou “emigración” segundo teñan o día de inspirado e sempre con afán de marcar categorías que, no fondo, responden ao noso interese de seguir sendo as boas da película. Porque acoller refuxiad*s está ben, agora se son migrantes… o conto é outro.

"Nos 21 anos que levo traballando en cooperación podo ver unha involución cada vez máis preocupante do discurso cara ao 'aquí hai moito que facer, non sei para que hai que ir a eses países de por aí'"

A cooperación ao desenvolvemento crítica é precisamente o antagónico do exemplo da ONGD da que falaba ao principio, mais tamén das solucións baseadas nunha caridade mal entendida, nesa que sempre busca, no fondo, facernos sentir superiores, boas, salvadoras. A cooperación crítica busca a reflexión e a acción dende outros lugares, aqueles que primeiro recoñecen que, por moita crise que haxa en España aquí a xente non morre (literalmente, non no sentido figurado) da fame, aquí non hai un conflito bélico aberto nin as situacións de desafiuzamento e falta de control que marcan a pobreza no Sur. E o que hai de todo iso, que cada vez é máis, iso non o nego, é a nosa responsabilidade cidadá resolvelo a través do noso voto, dos nosos impostos, dos medios que temos ao noso alcance. Das alianzas, por certo, coas nosas Outras, esas que fican ao outro lado de Inditex mentres nós, crise ou non crise, seguimos mercando alegremente en Zara.

Mais, aínda máis importante, a cooperación crítica é necesaria para non sumirnos nese magma de autocompracencia que tan ben temos aprendido da colonización (que supostamente era para evanxelizar e civilizar persoas salvaxes, non si?). Agora é máis urxente ca nunca unir a liña de puntos. E a liña de puntos indica que cada vez en Europa nos resulta máis complicado comprender que o que pasa aquí levámolo promovendo décadas noutros lugares e que calquera comparación é un insulto. Que as guerras que se libran en lugares como Siria fanse no noso nome, no nome da nosa comodidade e benestar. Porque, por poñer un exemplo extremadamente doloroso, o condutor do camión que levaba decenas de cadáveres polas nosas estradas, seguramente argumente que el ten que mirar pola súa familia, polo seu traballo, polo seu embigo, que el tamén está moi mal coa crise. Porque se cadra vemos ben acoller, levadas pola mágoa das imaxes de meniños afogados, unha refuxiada pero as prácticas do día a día xa se nos escapan, tamén a representación das outras, o imaxinario e o discurso. Ese segue intacto. Nós salvadoras, elas (non se sabe por que) necesitadas de salvación.

"As guerras que se libran en lugares como Siria fanse no noso nome, no nome da nosa comodidade e benestar"

Nestes últimos tempos en Implicadas no Desenvolvemento, onde levamos exercendo a cooperación crítica dende hai 18 anos, imos vendo xente que deixa de colaborar, como socia ou como voluntaria, argumentando situacións laborais precarias e outra, a de sempre, que non se anima a unir a súa man porque a fin de contas é moito máis bonito apadriñar un meniño. Non podo evitar que cada vez me custe máis a empatía, sobre todo cando estou de regreso dalgunha viaxe, como me pasa estes días, porque cada unha destas escusas é unha labazada na cara dos centos de miles de persoas que non só padecen a nosa miserenta forma de explotar as demais senón que aínda por riba agora quedan á intemperie porque estamos demasiado ocupadas nos nosos propios embigos e miserias, nas nosas “crises”, ou, no “mellor” dos casos quedan expostas a padecer a indignidade da caridade. Esas sobre as cales se constrúe a Pobreza. 

Se colaborar para facer un mundo máis xusto é algo optativo, algo que só facemos cando estamos ben de cartos e nunha posición acomodada, algo ao que nos move a pena e a caridade e non un sentido da xustiza, entón é que como sociedade e como individuas non entendemos nada. As nosas mans non poden estar dispoñibles só cando as situacións chegan aos medios (sobre todo se chegan coa imaxe de meniños mortos), cando chegan ás nosas fronteiras (canto tempo leva a guerra en Siria matando sen que ninguén movese un dedo?), cando non implican unha reformulación das nosas relacións coas outras (cantas reflexións escoitamos sobre as causas reais da guerra en Siria, do auxe do Estado Islámico, do trato ás minorías relixiosas nos nosos países, cantas veces as escoitamos a elas, as eternamente silentes nas noticias?).
Para algunhas de nós todo isto resulta cada día máis difícil de dixerir, a rabia máis difícil de xestionar, pero por fortuna as que seguimos, temos un faro ben potente ao que mirar. Podemos mirar os rostros das que están do outro lado, das que loitan cada día por todas nós, das que tecen man a man, das que en circunstancias mil veces peores ca as nosas, buscan unirse e traballar. Fronte á indiferenza e o espírito crecente de caridade que nos rodea e que cada día me resulta máis insoportable a nivel persoal e colectivo, eu aférrome a elas. Aférrome ás miñas compañeiras de Implicadas; mil veces debín escribir xa que as portas están abertas, agora a vontade de entrar, cada quen coa súa conciencia.



x