As mulleres, dentro da nosa diversidade, coñecemos de sobra as consecuencias de quedar excluídas do discurso, de que sexan outros os que nos representen, os que falen de nós. O espello deforme do androcentrismo fai que cando falamos coa nosa voz propia se nos acuse de inverosímiles, coma se as nosas vidas só puidesen transcorrer no marco que os homes brancos heterosexuais ditaminaron para nós.

A autorrepresentación eríxese como prioridade pero, para que poida producirse, non chega que unha muller, unha lesbiana, unha trans, unha xitana fale en nome de todas as demais. Precisa unha multiplicidade de voces para facer que os alicerces do suxeito hexemónico comecen a derrubarse paseniño (e abofé que non o fan sen ruído, ridiculez e violencia). Para que a autorrepresentación sexa transformadora, precisa sempre da colectividade.

Iso aprendemos dos feminismos á hora de botar a andar un xornal coma este. Como pobo, en Galicia pasamos do anuncio do Gadis aos ladróns “con acento gallego” de La Voz de Galicia sen un minuto de reflexión. Preséntansenos dende os centros como novidades ideas que levamos décadas e por veces séculos practicando na invisibilidade do espello mediático, vampiras que non interesa que nos re-coñezamos nos discursos subversivos.

Por iso esta andaina que aquí comezamos é tan importante, no interno e no externo. Por iso ten que ser unha andaina colectiva na que construírmos entre todas a representación de nós mesmas que merecemos, que, como di Rita Laura Segato, nos amose que vimos dun pasado mais que, sobre todo, nos diriximos xuntas cara ao futuro. Co afán de esnaquizar os espellos.