Seguramente hai momentos na vida onde unha preferiría calar e non ter que repetir de forma cansada e recorrente as mesmas ideas e argumentos. Hai conversas que viran, en particular para algunhas persoas que por posición vital, política e mesmo corporal nos atopamos fóra do agardado, fóra das identidades e discursos dominantes. Hai palabras que arremuíñan cara a si, coma se dun imán se tratase, debates moitas veces produtivos e moitas outras veces simplemente pedras que se arrebolan sen máis sentido ca o de tirar a dar. Definirse como feminista publicamente pon a unha sempre no punto de mira, mais tamén provoca unha incomodidade necesaria para establecer outros diálogos e, en definitiva, cambiar unha sociedade enferma de patriarcado como é a nosa.

Homes que pensan que son moi progresistas ou mesmo “feministas” porque se preocupan pola violencia sen vela en si mesmos, que dan explicacións socioeconómicas á discriminación das mulleres mais non entenden a súa participación nela  

As conversas máis complicadas, polo xeral, non son con aqueles homes e algunhas mulleres que non recoñecen que os asasinatos de mulleres sistemáticos (o femicidio) son un problema social, ou aqueles que seguen pensando que o lugar dunha muller é servir a un home e o expresan de forma explícita (ollo! Se cadra se se fixese un estudo nos sorprenderiamos do número de homes que agardan isto explicitamente e non precisamente os de máis idade). As conversas verdadeiramente complicadas son aquelas que se manteñen coas persoas benintencionadas que supostamente recoñecen certos problemas pero formulan solucións tan patriarcais coma o problema mesmo. Polo xeral en lugares lonxe de si mesmas. Son estas as conversas con homes que pensan que son moi progresistas ou mesmo “feministas” porque se preocupan pola violencia sen vela en si mesmos, que dan explicacións socioeconómicas á discriminación das mulleres mais non entenden a súa participación nela, son aqueles que, como se declaran feministas ou semellante, pensan que teñen que ser escoitados a todas horas, que poden seguir ocupando lexitimamente os espazos (todos) porque xa eles saben o que teñen que dicir. Son aqueles que din certas cousas no público e actúan doutras maneiras ben distintas no privado. Aqueles que se ofenden porque se lles sinale o machismo no que todas e todos fomos educados no canto de recoñecer, aprender, cambiar.

Todas as feministas sen faltar unha creo que recoñecemos estes momentos, eses debates que esgotan ata o infinito e que xiran con frecuencia ao redor dos mesmos temas. A desigualdade salarial, a linguaxe non sexista –que sempre se argumenta como parvada ante o primeiro tema- e logo o interesante asunto de por que hai tan poucas mulleres en tal ou cal cousa. Sen dúbida, un dos lugares onde non só hai poucas mulleres senón que os debates deste tipo se converten en feroces é na política de partidos. Por moito que as mulleres vaian entrando en certos cargos, rara vez son elixidas como candidatas para os postos en si mesmos. Se a ser muller lle engadimos ser feminista entón as papeletas que tes para que a base do teu partido apoie a túa candidatura imaxino que se van reducindo cada vez máis.

Porque no fondo (e aí é onde precisamos os feminismos, para ir ao fondo, ás raíces), as mulleres en xeral e as feministas en particular non somos de fiar. A desconfianza cara a nosoutras constrúese no día a día, en cada conversa, en cada nova, en cada película, en cada libro que nos representa colectivamente como irracionais, febles, mentireiras, incompetentes ou conservadoras. Pensemos cantas cousas vemos cada día, dende as series da televisión ata o que se fala nos bares, dese xeito. Estas imaxes son pedras invisibles pero pesadísimas no camiño da calquera muller que tente avanzar no espazo público.

Votarei a Ana Pontón porque, ademais doutras cuestións importantes para min, é muller. Trae con ela unha biopolítica que se demostra non só no que di senón en como fala

Nestes últimos días noto todas estas cuestións na nova (vella) conversa recorrente que se dá ao meu arredor. Aquela que tenta poñer en dúbida o que para min, que non pertenzo a ningún partido pero si son votante, é evidente: que na miña man está a oportunidade histórica de poñer unha feminista á cabeza do goberno galego. De entrante, sempre a pregunta “crucial”: entón só a votarías por ser muller? E o engadido da lista de mulleres conservadoras que tiveron ou teñen postos de responsabilidade ou que son candidatas. Como se o seu conservadorismo nos afectase a todas. Obviamente se usásemos esa regra de tres o lóxico sería non votar a ningún home. Mais a resposta que adoito dar é que votarei a Ana Pontón porque, ademais doutras cuestións importantes para min, é muller. Trae con ela unha biopolítica que se demostra non só no que di senón en como fala e, sobre todo, nun clima de tanto berro e testosterona da peor, de cómo escoita

Mais tamén é importante valorar a decisión de escollela como candidata, xa para empezar. Porque implica superar a desconfianza inherente, esa que leva a que cando hai que tomar decisións sobre quen nos representa, os partidos e votantes chamados “progresistas” sigan escollendo sistematicamente un home. Que escusa pode haber a esta altura? A escolla dun home unha e outra vez só pode entenderse como unha indicación xeral de non considerar as mulleres en xeral como aptas, que a base de partidos que supostamente son progresistas, teñen demasiado medo a que os represente unha muller, co subtexto de que unha candidata ha ter peores opcións nas eleccións. E se cadra é así porque vivimos nunha sociedade machista, pero precisamente por iso é aínda máis importante poñer mulleres á fronte. Por iso e porque as feministas da sociedade civil (xa non podo imaxinar todas as compañeiras que teño en partidos políticos e ás que respecto profundamente) estamos fartas de que se nos diga por activa e por pasiva que “as nosas cousiñas” xa virán logo. Que o momento non é este. Estamos fartas de partidos que preguntan como integrar os feminismos cando a resposta é sumamente doada: uníndose ás que traballamos, coñecendo os debates, facendo crítica de fondo e non de superficie. Poñendo feministas á fronte. Así de simple, así de complexo. É hora de deixarse de palabras e pasar á acción. Porque fronte a tantas desconfianzas, para min, Ana Pontón si é de fiar.