Moita xente sabe, sobre todo a raíz da publicación de En vías de extinción, que a miña familia paterna provén da zona de Becerreá.  A miña familia paterna ten acivros en Herbón, onde meus avós, meu pai e meu tío viviron cando meu pai era pequeno, metido na lama, andando con zocos. Os acivros son para min moi importantes porque cando era nena estaban a piques de se extinguir e raro era ver un acivro forte, alto, rexo. Prohibiron cortalos e collelos. Agora hai aciñais inmensos. Un anaquiño deles, das cousas do mundo que máis quero. Débolle moito ás montañas. Débolles a lingua e certas formas de ver o mundo que son únicas, resilientes, rebeldes.
 
Mais hai outra cara desa historia, esoutra cara que fai que tantas de nós teñamos moi difícil idealizar as raíces, falar con voz de bardo da patria porque a nosa complexidade de visión vén marcada por experiencias que malamente quereriamos repetir. Para min esoutra cara está marcada a lume na miña pel e no meu ADN, contrarrestada por fortuna polo afecto humano e profundo do meu pai e pola rebeldía irredenta da miña mai, que sen dúbida marcaron unha vida distinta da que certas persoas da miña familia planificaran para min por ser muller.

Esoutra cara está marcada por tiros de escopeta. A escopeta que de sempre se lle puxo nas mans a meu irmao e que a min se me arredaba, non fose ser. A aventura dos campos de tiro, meu irmao e mais eu a recoller os pratos e os cartuchos co mesmo afán. Mais a escopeta só nas súas mans. Os tiros que traen a casa o xabaríl, a lebre e o paspallás mais tamén aqueles que marcan a liña de prioridades e alianzas atávicas masculinas: primeiro a caza, despois os cans, despois “a muller”. Eles sempre en manada, elas de criadas e soas. Moi soas e adestradas para non apoiarse máis que nos enterros, cargando co peso do mundo sobre os seus ombreiros, coidándolles os pais a eles, os propios, sen ter nin sequera propiedade dos seus herdos, dos seus negocios (todo a nome deles, non vaia ser que escapasen), felices ao final de ser necesarias pola inutilidade dos outros, como se iso fose o sentido da vida. Unha vida de dar moito e recibir a cambio, no mellor dos casos, moitos desprezos. Non todas as vidas na montaña son así, como me ensinaron ben Celia e Manuel, e certo é que moitas vidas nas cidades e nas chairas son iguais, se cadra só sen escopetas. Mais unha gran parte delas si.

Os tiros que traen a casa o xabaríl, a lebre e o paspallás mais tamén aqueles que marcan a liña de prioridades e alianzas atávicas masculinas: primeiro a caza, despois os cans, despois “a muller”

Marcadas están en min todas as veces que se agardou que fixese a cama do meu irmao, recollese a mesa e, non hai moito tempo, a ira coa que botei sobre o mantel unha manda de culleres de café para non deixar soa á miña tía quen, despois dun longo día de traballo, tivo que poñerse a cociñar e servir os cazadores, moitos deles máis novos ca min, que nin sequera daban para pasar os pratos, obrigándoa  a moverse de acó para aló. Ao botar as culleres na mesa con ira, malas miradas e a increpación do meu tío para que as distribuíse: “Non sabía eu que viñesen hoxe cear mancos. Inútiles, si”. O sorriso do meu pai, o único bálsamo para tanta ignominia disfrazada de normalidade.

Agora teño corenta anos. Fago exercicio, ando quilómetros con pesadas mochilas ao lombo. Percorro o mundo. Son doutora. Autora publicada. Mais este Nadal a miña tía insistiu en que tiña que ir meu irmao buscar a leña ao soto “porque pesaba”. Despois de dicilo e ver a miña cara penso que sentiu vergoña. Se cadra non tanto coma a do meu irmao. Baixamos xuntos. O día a día. A normalidade. Asumir que somos inútiles malia a todas as probas evidentes en contra, físicas, materiais e persoais. Asumir que somos propiedade por moito que berremos ao monte a nosa liberdade. A ameaza sempre da violencia que tan ben resumía a miña avoa co seu: “Nena, onde vas andar soa? Pódeche saír o lobo”. Esa advertencia da miña avoa sobre as violacións, sabia pero paralizante, facíame saltar aínda máis por riba dela e botarme ao monte, tantas veces. Foi unha aprendizaxe boa para os montes de todos os días, para os lobos de todas as esquinas, para todas as advertencias que non me peta seguir.

Corenta anos tiña tamén a muller asasinada en Tortes, en Herbón, en Becerreá. Corenta anos coma min. Tempo para crecer un acivro

Corenta anos tiña tamén a muller asasinada en Tortes, en Herbón, en Becerreá. Corenta anos coma min. Tempo para crecer un acivro. Todas nós podemos morrer por un disparo de escopeta de caza. Esas que non están nunca nas nosas mans e quizais deberan. Mais que nada, porque non temos tendencia a utilizalas, iso está científica e estatisticamente demostrado.O seu asasinato asasínanos a todas outra vez. Todas nós morremos un pouco cada día cando temos que tolerar nas nosas casas cada cartucho, cada tixolo na gaiola, cada desprezo, cada violencia. Todas nós morremos con cada comentario posterior ao asasinato que pon en dúbida á muller, que non comprende a súa dor, que enxalza o silencio que a rodeou, a incomprensión da culpa que se nos inocula e que ninguén nos di que non é nosa (porque topar dúas, tres ou catro veces no camiño con maltratadores non é culpa nosa senón a máis básica estatística do que creamos como sociedade).

Mais os acivros lémbranme coa súa resiliencia que todas nós vivimos un pouco cada vez que hai alguén que nos apoia (porque o terrorismo machista se alicerza sobre todo en illar as mulleres, en poñernos as unhas contra as outras, en deixarnos soas cando máis o precisamos). Todas nós vivimos un pouco cada vez que non calamos, que alguén alza a voz, que poñemos en dúbida os discursos machistas da cultura, dos homes benintencionados que queren ser de todo menos machistas e acaban sendo unicamente iso. Vivimos un pouco cada vez que alguén nos acompaña ao soto por leña só por aplacar o noso malestar, recoñecéndonos útiles. Vivimos cada vez que nos unimos as mulleres, que saímos á rúa, que levamos aos ombreiros os féretros das nosas iguais coa promesa da derradeira que non damos alcanzado.

Non queremos soterrar máis mulleres asasinadas. Queremos plantar acivros sachando en contra da impunidade

É complicado querer un lugar marcado por todas estas cousas. Eu creo que conseguín reconciliarme coas montañas  a pesar de todas elas. Mais hoxe todo o meu esforzo de reconciliación fica desfeito, unido só ás árbores que son símbolos de vida, que crecen sempre cara ao ceo, tentando reconciliar a morte coa ira. Tentando pensar nos acivros que acubillarán a nosa sensación de indefensión, que teñen que converterse en símbolos doutra sociedade que temos que construír entre todas e todos. Cada día. Porque non queremos soterrar máis mulleres asasinadas. Queremos plantar acivros sachando en contra da impunidade, sachando por outra educación, berrando contra todas e cada unha das violencias, dos silencios, dos estereotipos, das agresións. Acreditar nos acivros hoxe éme complicado. Mais son árbores que sobreviviron a súa extinción. Por iso nosoutras tamén o conseguiremos, con todos e cada un dos nomes das mulleres que mataron polo camiño, hoxe o dunha veciña de Tortes, de Herbón, de Becerreá. Ela debe ser o noso acivro. Porque hoxe toca carpir, pero o seu humus debe facer que aspiremos a romper as raíces desta peste e crecer cara ao ceo, crear fraga pacífica, vidas sen medo, sen violencias, sen asasinatos. A que cada unha de nosoutras, coma os acivros que agora medran sendo bosque, merecemos.