A principios deste ano tiven a posibilidade de viaxar a Paquistán para pasar un par de semanas traballando con mulleres de grupos de axuda mutua que unen as súas forzas para sobrepoñerse a complicadas circunstancias de vida. Unha das cousas que de maneira instantánea percibín nada mais chegar foi a ausencia de mulleres dos espazos.

A principios deste ano tiven a posibilidade de viaxar a Paquistán para pasar un par de semanas traballando con mulleres de grupos de axuda mutua que unen as súas forzas para sobrepoñerse a complicadas circunstancias de vida. Unha das cousas que de maneira instantánea percibín nada mais chegar foi a ausencia de mulleres dos espazos. Nunca unha muller soa, como moito, grupiños de tres no medio de moreas de homes. Nas rúas, nos restaurantes, nas tendas, só homes. A ocupación do espazo de forma masiva polos homes crea en nosoutras, como é facilmente comprensible, unha sensación de fonda inseguridade, de sentirnos illadas e observadas, de saber que temos poucas posibilidades de ser vistas e escoitadas máis que coma un fardo de carne.

"Nas nosas propias sociedades moitos espazos están totalment​​e ocupados e colonizados polos homes". 

Pois ben, antes de que as voces neocoloniais comecen o repenicar o laio dos “países bárbaros” (e ademais musulmáns!) nos que parece que non tiveron nada que ver as colonizacións pasadas e presentes (e onde por certo viven persoas de moi diferentes orixes e relixións), quero utilizar esta experiencia concreta para falar doutras máis próximas. 

Porque o que para calquera resulta evidente do primeiro parágrafo, semella non selo tanto cando pensamos na maneira en que nas nosas propias sociedades moitos espazos están totalmente ocupados e colonizados polos homes. Son innumerables e moitos deles non están nada afastados da situación de Paquistán, pois aínda me falta ver con frecuencia mulleres soas nos bares de Becerreá, por poñer un caso. Na vila luguesa, ao igual que acontece no país asiático, non hai leis que prohiban a nosa entrada en solitario a unha cafetería, pero as convencións sociais e as ocupacións domésticas que non permiten certos espazos de lecer, si. Igualmente non fai falla explicar moito que significan as rúas escuras pola noite para unha moza: un lugar onde non se debe estar.

"Algo que comeza na propia linguaxe, na que rara vez aparecemos, na que as propias mulleres aprendemos a ser “non-entes”.

A cuestión é que esta situación é extrapolable ao que acontece no mundo empresarial, no mundo dos deportes, no mundo da cultura e en tantos outros. Hai poucos días unha foto de Felipe de Borbón con empresarios de Madrid e Barcelona reproducía o, ímoslle chamar, “efecto paquistaní”. O mesmo acontece cada vez que unha mira a lista de premios literarios, os conferenciantes nun congreso científico (se ben no público pode haber moitas mulleres, mais a esas non as deixan falar), a sección de deportes de calquera informativo ou unha película calquera. 

No caso particular da cultura, as mulleres que traballamos os espazos estamos permanentemente saíndo a rúas ocupadas polos homes, onde eles deciden e marcan as normas de maneira maioritaria, onde se nos dá permiso para estar pero daquela maneira e onde se intenta por diversas vías instaurar en nós unha sensación permanente de inseguridade, de marxinalidade e de intrusismo. Algo que comeza na propia linguaxe, na que rara vez aparecemos, na que as propias mulleres aprendemos a ser “non-entes”. Falar en contra da linguaxe inclusiva é perpetuar o efecto paquistaní todos os días. Resumidamente, logo, o efecto paquistaní ben pode rebautizarse como o efecto galego sen ningún tipo de problema.

"Os espazos das mulleres, pois, responden a ameazas moi tanxibles e para nada imaxinarias e son precisos porque fóra deles adoitamos estar soas"

En contra disto, as mulleres precisamos crear os nosos espazos seguros, as nosas zonas de convivencia e exploración, os lugares onde se valore o noso traballo polos criterios diversos que nós mesmas establecemos, onde escollamos alianzas entre unhas e non entre outras. Nesta altura seguen sendo espazos necesarios e o único xermolo para rachar, aquí, en Paquistán ou en calquera lugar, as liñas e fronteiras invisibles que nos marca o heteropatriarcado. Son espazos que existen dende sempre e en todos os lugares e nos que os homes adoitan ter “medo” a entrar nesa retórica seguidora do “a xefa é ela” e demais ficcións que as sociedades levan reproducindo para agochar o evidente: que as mulleres non matan homes por seren homes -nin en xeral-, pero os homes si matan mulleres por sermos mulleres, que vivimos en sociedades que discriminan o 50% da súa cidadanía e que exercen todo tipo de violencias contra persoas determinadas para perpetuar o poder doutras. Os espazos das mulleres, pois, responden a ameazas moi tanxibles e para nada imaxinarias e son precisos porque fóra deles adoitamos estar soas e cómpre recargarse neles de valor, comprensión, apoio, paciencia e moita forza para seguir camiñando mentes outros ladran (e a miúdo morden).

O 8 de marzo é momento de cifras e de sinalar eses espazos infinitos da desigualdade, mais para min é sempre tamén o momento de celebrar os espazos comúns porque é o día no que as mulleres de todo o mundo camiñamos unidas. Onde demostramos que a nosa presenza, nas rúas e nos espazos é o único que pode garantir sociedade biodiversas e seguras. Aos nosos pasos pode unirse quen queira, pero terá que ser seguindo os nosos camiños e perspectivas diversas, dende o respecto aos nosos corpos e ás nosas decisións e dende o traballo activo na destrución dos espazos nos que supostamente podemos entrar pero de facto non.