Traballa o celtismo arreo para evitar o descenso do equipo amosando que, unha vez máis, nos momentos difíciles, a súa forza crece coas adversidades para beneficio do equipo. A capacidade de loita é innata a esta afección, que sen necesidade de 'chamamentos' lanzouse as rúas para sacar ao Celta do burato escuro onde pouco a pouco foi afundindo sen case darnos conta.

A historia é cruel ás veces. Os mesmos escenarios onde hai dous anos a afección recibía ao equipo a piques de xogar a primeira semifinal europea da súa historia, son testuña agora do mesmo bengaleo pero con obxectivos ben distintos. Moitas cousas cambiaron nestes anos pero o compromiso da afección segue a ser a mesma, aparecendo cando o equipo máis a necesita. Baixar a segunda non entraba casi en nungún plan ao comezo da tempada, non era algo no que pensaran a gran maioría dos afeccionados. Aos que seguían empeñados en proclamar que antes que pensar en Europa o equipo debería ter a salvación na man chamouselles de todo por irreais e pouco soñadores. Pero o fútbol e as súas circunstancias estalles a dar a razón.

Mirou o Celta demasiado para arriba e nunca foi quen de achegarse aos postos quentes da clasificación. Entraron tanto afección como o equipo nunha dinámica negativa de difícil solución á que se sumou a lesión de Aspas, xusto no momento no que as cousas semellaban despegar coa chegada de Cardoso. Con Balaídos medio baleiro unha nube escura apoderouse de Vigo. Por sorte, a caída libre non o foi tal grazas a esta liga rara na que ninguén parece querer gañar, pero aínda así o equipo caeu irremediablemente no descenso. E, aí, nese momento chave foi cando o celtismo colleu as rendas para recuperar o espíritu heroico que tantas veces o equipo amosou cando as cousas se teñen posto demasiado feas. Alí estaban as hordas celestes contra o Villarreal inundando a explanada de Balaídos enarborando de novo a bandeira da afouteza na búsqueda da salvación.

Os exteriores de Balaídos foron unha festa fronte ao Villarreal e a Real Sociedad e todo indica que ante o Girona volveranse repetir as imaxes dos bufandeos, as bengalas e un autobús facéndose pequeno entre a marea celeste. As peñas, ese valor fundamental ao redor do cal xira a afección prepara o recibimento ao equipo como nos partidos anteriores e Balaídos volverá a estar practicamente cheo noutra nova final para o equipo.

Agora ben, o Celta debería reflexionar, como institución e empresa, sobre a súa política para favorecer a asistencia aos partidos. Balaídos, como digo, colgará o cartel de non hai billetes. As invitacións que o clube repartiu aos socios e as entradas a precios 'populares' esgotáronse rapidamente pero non só serve valerse da épica para encher Balaidos. O Celta necesita a súa afección todo o ano, cando os obxectivos aínda non están claros. A apatía non pode ser o lugar común do celtismo cando non hai nada polo que xogar. E o clube vendo agora o estadio ben cheo e lustroso debe traballar por ofrecer unha oferta de entradas e abonos máis asequible que lle devolva a Balaídos a alegría todoas as xornadas do ano.