As dúbidas frean o Celta

María Sabarís - Xornalista


A baixa de última hora de Hugo Mallo non presaxiaba nada bo para o encontro contra o Alavés. Mendizorroza non é precisamente un campo onde o Celta adoite sacar bos resultados ultimamente e a racha, para desgraza dos celestes seguirá en favor dos gasteiztarras, por méritos moi propios.

O ritmo alto e a intensidade que desde o primeiro minuto impuxo o Alavés pasoulle por enriba a un Celta aínda perdido en ensoñacións. Dous goles cunha produción similar en menos de quince minutos deixaron KO ao Celta. E, sobre todo, deixaron en evidencia as bandas. Jonny esqueceuse de xogar de lateral dereito, víuselle constantemente incómodo, lento nas coberturas en defensa e sen demasiada produción en ataque. Perdeu a marca nos dous goles e aínda que el non foi o responsable directo, estivo quizáis demasiado relaxado nas marcas, sobrepasado pola rapidez do Alavés no último tercio do campo.

 Jonny esqueceuse de xogar de lateral dereito, víuselle constantemente incómodo, lento nas coberturas en defensa e sen demasiada produción en ataque

Os desaxustes na banda dereita tiveron a súa réplica pola esquerda, a parella Brais-Mazan non funcionou. O eslovaco non estivo especialmente mal, pero aínda necesita minutos, e moitos, para adaptarse ao xogo do equipo. Brais non foi a súa mellor axuda, apenas participou do xogo ofensivo do equipo e a súa axuda en defense foi limitada. O de Mos baixou o nivel amosado nos anteriores partidos. De feito, a súa boa actuación nos últimos minutos do encontro contra o Betis déronlle a Unzué argumentos suficientes para deixar Sisto no banco. A aposta do navarro non funcionou, o equipo desaxustouse demasiado e non foi quen de pechar ben ningunha das bandas.

Na segunda metada Unzué reaccionou cos cambious, o equipo mellorou con Sisto no campo, Jonny voltando á banda esquerda e Wass baixando á posición de lateral dereito, como xa fixera no partico de liga no Camp Nou. E o equipo reviviu, recuperou a súa identidade e forzou o Alavés a mover as súas posicións ben atrás no campo para cubrir a idea ofensiva do Celta. Pero o gol chegou demasiado tarde no encontro e a reacción, aínda que boa, foi demasiado tardía na búsqueda so empate.

A día de hoxe a incidencia de Aspas no Celta é superior á que ten Messi no Barça, sen dúbida algunha

 

A segunda metade do Celta foi boa, xerou perigo e, sobre todo, volveu amosar o poderío e a calidade de Aspas. O gol do Celta é unha desas marabillas do fútbol só reservadas para os chamados 'cracks'. O gol é unha nova mostra da calidade que ten nas botas o de Moaña, que regateou a toda a defensa alavesista -con ´caño' final incluído- para deixar un toque final de xenio. O momento de Aspas é o mellor que lle pode pasar ao Celta. Os seus goles e a súa calidade aparecen aínda nos días máis grises do equipo. A día de hoxe a incidencia de Aspas no Celta é superior á que ten Messi no Barça, sen dúbida algunha. A súa aportación ao equipo significa goles e traballo constante en todas as áreas do campo, pero el só aínda non gaña partidos. O camiño a Europa é real, pero pasará de seguro por evitar dúbidas e despistes innecesarios e, sobre todo, pola comparecencia total do equipo desde o minuto cero. Comezar os encontros 'adormiñado' é un luxo que o Celta non se pode permitir.  



x