Carambola europea sen presión

María Sabarís - Xornalista


O fin de tempada do Celta preséntase tan impredecible como o foi o resto do ano. Europa é difícil pero non un imposible a día de hoxe. O empate ante o Valencia e a imprevisibilidade deste ano de ‘transición’ fai posible calquera carambola final.

A vitoria do Barça na final da copa fronte ao Sevilla confirmou que esa sétima praza será europea si ou si e o número de equipos na puxa aumenta cada semana. Ademais, a mala tempada xeral dos candidatos á esa sétima -e sexta- praza fai posible calquera circunstacia. E os números aínda non din o contrario. O Celta conseguiu manter o tipo contra o Barcelona e o Valencia. Os empates foros bos pero, sobre todo, foi boa a imaxen xeral do equipo. Fronte ao Valencia, a pesar do handicap de ter Aspas lesionado, a actitude do equipo foi unha boa nova polas dúbidas xeradas durante o ano. Con Europa ou sen ela, rematar a tempada deixando -especialmente en Balaídos- unha boa sensación coral do equipo semella fundamental para acabar o ano nunha dinámica positiva. O peor que lle pode pasar a equipo e afección é pensar que, con catro partidos aínda por xogar, a tempada xa está rematada.

A lesión de Aspas semellaba un díficil punto de inflexión nesta recta final. O equipo amosou contra o Valencia orgullo propio, determinación e quizáis un xogo máis grupal sabendo que as axudas ían ser importantes para suplir a baixa dun home multiusos, que traballa para o equipo alí onde o equipo precisa del. Os adxectivos para Aspas hai tempo que se esgotaron pero o equipo fixo ver que o traballo, a intensidade colectiva e a presión serven tamén para tapar as carencias. Maxi voltou ver porta despois duns meses de sequía e Sergio amosou de novo o gran nivel no que se atopa. Ademais a lesión de Roncaglia forzou a composición dunha defensa de circunstancias con Fontás de lateral pero loitando e sufrindo foi quen de non conceder cando o Valencia máis apretaba. Non se gañou pero deixáronse no terreo de xogo moitos máis impactos positivos que negativos.

Con Europa ou sen ela, rematar a tempada deixando -especialmente en Balaídos- unha boa sensación coral do equipo semella fundamental para acabar o ano nunha dinámica positiva

 

Nesta fin de semana rara, con moitos dos rivais directos sen xogar, a distancia con Europa redúcese nun punto e deixa completamente aberto o partido do vindeiro sábado contra o Villarreal. O de Vila-real preséntase coma una pequena final das catro que quedan por diante. Unha vitoria sería o impulso definitivo á candidatura europea. Un reto sen presión porque esa téñena os demais, especialmente Villarreal e Sevilla despois da desfeita na copa. Entrar en Europa tras a marcha de Berizzo e a chegada de Unzué entraba máis nos plans a medio prazo que unha obrigación real. Todo o positivo que suceda de aquí ao final da tempada será unha sorpresa fantástica para un ano que deixou demasiadas lagoas futbolísticas no pasar das semanas.


 



x