O Celta conxúgase en tempo presente

María Sabarís - Xornalista


O que se rende, perde. O que non loita, perde. O que non cre, perde. E así até o infinito. O bucle da salvación do Celta pasa por este mantra fundamental e necesario para levantar a un equipo doente. Deixar de ancorarse no pasado e vivir e crer no presente para cambiar o futuro. Todos a unha. De nada serve que loiten uns se os demais non seguen o ritmo. Evitar o descenso é -ten que ser- un traballo en equipo, de xogadores, afección e medios. De pouco e nada serven os lamentos, as acusacións, as culpabilidades, os reproches e as críticas destrutivas dun pasado que é finito.

O derrotismo antes da derrota é un contrasentido

 

O derrotismo antes da derrota é un contrasentido. Deixémolo ir. A realidade do Celta é e vívese no tempo presente, que é o único que se pode controlar. Decisións e solucións presentes para consecuencias futuras. Pero sen un empurrón necesario no presente dificilmente o futuro será positivo. Aspas está lesionado, eso é un feito que non vai cambiar por moito que se intense minar a moral do equipo. Cardoso é o adestrador, e iso tampouco vai cambiar. Ou non debería. O equipo está feito, que non desfeito. É importante subliñar este feito: o equipo non está desfeito. Tivo unha semana dura despois do sucedido en Xetafe pero o Celta que xogou e perdeu contra o Levante 1-4 non era un equipo desfeito. Tocado tamén pola variña da mala sorte pero non a catástrofe da que se fala nin dando síntomas de defunción anticipada.

Non lle axudan ao equipo as críticas machuconas que buscan pór máis pedras no camiño, que solucións. Falan os medios de Vigo de funeral, desastre, incapacidade, de case naufraxio, caída libre sen fin... e todo isto amosando unha conxura directa e sen paliativos para forzar o despido de Cardoso. E eu pregúntome, é esta realmente a mellor solución? Se non vale Cardoso, entonces quen é, segundo os medios, o adestrador máis axeitado? Existe? Está disposto a correr o risco? Queda liga e quedan partidos, a situación por moito que se empeñen algúns non é totalmente dramática, hai marxe de manobra. Semella, lendo as crónicas, que xa non queda oco para a esperanza. Eu négome a iso, por inxusto e irreal. Quizáis sería máis doado e produtivo facer frente común contra o derrotismo, animar ao equipo tendo en conta as ferramentas coas que se conta e non pensar en futuribles e intanxibles.

Non lle axudan ao equipo as críticas machuconas que buscan pór máis pedras no camiño

 

Nas mans do equipo está virar o rumbo desta situación co seu esforzo e unión e nas mans da afección está soprar forte e sen pausa para axudar a cambiar a dirección de navegación cara a augas máis tranquilas e en calma.



x