O Celta esgota a paciencia

María Sabarís - Xornalista


O da sexta feira pasada non foi o peor partido do Celta nas últimas semanas, pero perdeu de novo. A pregunta é canta paciencia terán en casa Celta con Mohamed. O Alavés era, a priori, un rival gañable, especialmente xogando na casa pero o fútbol e a eficacia deixou ao Celta sen argumentos. As présas non son boas no fútbol pero certamente a sensación de incerteza deixa o corpo técnico do Celta nunha situación crítica.

O Alavés fixo o seu traballo, o que mellor se lles dá: defender todos a unha e contragolpear rápido e efectivamente. Non precisan máis. Sabían as debilidades do Celta e foron a por elas. Pola contra, Aspas e cía foron incapaces de atopar ocos con sentido na maraña de xogadores gazteitarras. E o partido foi un calco de moitos vividos en Balaídos nos últimos anos, cun equipo a buscar o gol, mais frustrado e incapaz de derrubar un muro de defensores ben plantado. O Celta fixo o suficiente para ter empatado o encontro. A actitude foi máis positive e o xogo máis recoñecible que en partidos coma contra o Getafe ou o Valladolid. A pesar da derrota os síntomas non foron tan lutuosos como para tomar medidas drásticas.

Aspas e cía foron incapaces de atopar ocos con sentido na maraña de xogadores gazteitarras

 

Toda a paciencia que se tivo con Unzué semella esgotada xa con Mohamed escoitando segundo que foros e lendo según que prensa. Aínda así é claro que a adaptación de Mohamed á liga e aos xogadores é aínda incompleta. Todo proxecto precisa de tempo para asentarse e carburar, pero o máis preocupante son as 'excusas' faciles do adestrador do Celta e as xustificacións baleiras de contido. Empéñase o arxentino en facer ver nas roldas de prensa que o problema é de nomes e de posicións non cubertas. Nos últimos encontros insinuou que este non era o equipo que el quería, que lle faltan xogadores e que basicamente el fai o mellor que pode cun equipo no que semella non crer. Pero estas verbas non se sosteñen porque o Celta ten un plantel máis que competitivo, compensado e con opcións sufientes para gañar partidos contra Alavés, Valladolid ou Girona.

Todo indica que o próximo partido contra o Eibar vaise converter nun últimatum para o adestrador. Demasiado cedo quizais. Convén reflexinar e non precipitarse. Vive o Celta nunha escuridade e desilusión preocupante, convén deixar entrar a luz. E mirar a través do cristal a claridade do que é e do que sempre foi o Celta. Un equipo que sempre, por mal que fosen as cousa,s atopou no balón a solución a moitos dos seus problemas. Con Mohamed ou sen Mohamed o Celta debe atopar a súa esencia e voltar ao fútbol de balón.ç