A divina comedia (infinita) do Celta

María Sabarís - Xornalista


Como a vida infinita na Divina Comedia de Dante, o Celta foi quen de representar en 90 minutos o fluír perfecto do inferno ao paraíso pasando, con máis luces que sombras, polo inevitable purgatorio. A comparación, por esaxerada, é un fiel reflexo da realidade deste Celta -e dos seus afeccionados- que é quen de pasar en menos de dúas horas por máis estadios mentales e emocionais que moitos mortais nunha semana. E iso, é, as veces, tan cansado como imprescindible no fútbol.

Recorrer aos clásicos é sempre unha boa idea cando a realidade futbolística sobrepasa xa os lugares comúns aos que inevitablemente apelamos para explicar situacións machaconamente repetidas. Os sobradamente coñecidos 'con esta defensa non imos a ningures', 'hai que estar máis atentos atrás' e 'todo o bo que facemos en ataque perdémolo en defensa' son parte do vivir cotidiano nas crónicas do Celta. Reflicten, como un mantra, todos os 'pecados' -digamos veniais- deste Celta capaz de afundirse só no inferno máis escuro concedendo espazos e regalos a un rival que, como un bo parásito, busca o fallo para se alimentar. O Espanyol é un equipo rácano, que xoga a case nada e ofrece aínda menos ao afeccionado pero que foi quen de levar ao Celta até a escuridade total na súa primeira chegada á área.

Recorrer aos clásicos é sempre unha boa idea cando a realidade futbolística sobrepasa xa os lugares comúns aos que inevitablemente apelamos para explicar situacións machaconamente repetidas

 

Porén, o Celta foi quen de buscar a luz e deixar atrás as garras opresoras dos 'pericos'. A partir do gol o equipo amosou o súa irrenunciable idea de "na área rival vívese mellor" e atraídos polo faro guiador de Mallo e Aspas, o equipo empurrou cara arriba con determinación, boas ideas e bo fútbol. Deixou atrás os escuros pastos da derrota inxusta para atopar coma un 'anxo' sanador a Maxi Gómez e abrir cos seus testarazos á porta a un paraíso merecido e necesario. Afloraron entón os 'Aspas está a un nivel descomunal', 'Maxi non ten teito' ou o 'que ben xoga o Celta cando quere' nas crónicas 'tuiteiras'. E todo semellaba ledicia. Do negro inicial o equipo pasaba finalmente a ver as cores ao final do túnel. Pero, Diego López, o gardián 'sentenciador' das portas do purgatorio, resistiuse a nos ofrecer a felicidade total. As súas paradas caeron como labazadas inesperadas na búsqueda do gol da tranquilidade. E cando todo presaxiaba o final feliz, de novo, a néboa infernal apareceu para nos atrapar.

Diego López, o gardián 'sentenciador' das portas do purgatorio, resistiuse a nos ofrecer a felicidade total

 

Os nosos propios demos obcecados en ocultar o bo xogo a través de empecinados riscos e accións unha e mil veces sabidas, devolveunos de golpe ás sombras do purgatorio. E alí, tocará unha semana máis lamber as feridas sen esquecer que o Espanyol non sacou un empate de Balaídos por méritos propios. Foron maioritariamente as virtudes de Diego López as que lle permitiron ao Espanyol levar un premio inmerecido. O devir deste Celta polas augas tebrosas é sempre unha saída cara adiante, a constante búsqueda da luz e do balón guiador que empurra cara ao paraíso que é o noso 'fútbol de salón'. É o único camiño a seguir para redimir 'pecados' e crear esperanza con cada pase na volta aos merecido goles que abren as portas da vitoria e, por conseguinte, de Europa.


 



x