O fluír acompasado do Celta

María Sabarís - Xornalista


Como o 'flow' dos rapeiros, así vai a vida do Celta nestas últimas semanas: con bo ritmo, sen pausa e harmónicamente aderezada. E esa harmonía é tal con e sen balón. O equipo amosou contra o Betis o pasado luns que o balón hai que saber xogalo, tamén, cando a posesión non é unha obsesión.

Desde o inicio do partido o Celta deixou claras as súas intencións. Por unha banda, o Celta á contra empeza a sentirse cómodo con Iago Aspas nun momento coma nunca se lle vira. O de Moaña corre, suma, gaña constantes batallas ao rival e define coma o gran dianteiro que é. Os adxectivos comezan a ser pura retórica para definir o estado de forma e de gracia de Aspas. Semella difícil neste momento observar un teito no seu xogo. É a peza máis determinante do equipo en ataque e unha constante axuda en defensa. O verso libre que alimenta o xogo do Celta e que aparece alí onde o equipo precisa del. E nesa progresión de Aspas e do equipo ten moito que ver Stanislav Lobotka. O eslovaco apunta cada día que está chamado a ser parte do 'star system' do fútbol. A súa progresión no terreo de xogo é outra das grandes novas do Celta nas últimas semanas. A súa importancia no medio campo está sendo fundamental para o equipo. Contra o Betis foi o dono da medular, non cedeu nin un balón, robou outros tantos e os seus pases sempre foron precisos e cunha carga importante de perigo. Sexa en defensa ou en ataque, el é o claro líder do equipo no medio.

Nesa progresión de Aspas e do equipo ten moito que ver Stanislav Lobotka

Por outra banda, a incursión de Radoja como parella de 'baile' de Lobotka foi igualmente chave no encontro. Tendo en conta que Unzué apenas contara este ano con el, a súa incursión no once foi sorpresiva -e positivamente- recibida. Pero respondeu a un plan perfectamente maquinado polo navarro: a presión alta. E aí Radoja moveuse á perfección. O primeiro gol nace dunha recuperación do serbio que deixa a Javi García sen argumentos. E a partir de aí, o Celta deixou o Betis fóra de xogo sabendo cando e como exercer esa presión alta asfixiante e cando baixar a defender. O equipo controlou o encontro á perfección desde o gol, cunha postura máis pragmática na primeira metade e superando constantemente o Betis na segunda.

O Celta tería que ter gañado o encontro facilmente despois do visto no terreo de xogo, pero acabou sufrindo. Os erros, de novo, síguenlle custando caros e o luns unha mala salida de Rubén e un penalti innecesario de Roncaglia significaron dous goles que puxeron un resultado no marcador que non reflexa esa superioridade do Celta. Erros puntuais, certo, pero evitables. O camiño a Europa pasa por partidos como o do luns e por evitar erros que causen problemas innecesario á larga.
 



x