Os catro goles fronte ao Sevilla foron catro chamadas de atención aos incrédulos. O Celta gañou un partido fundamental nun momento crítico da tempada. As opcions de Europa son reais a pesar da dificultade e, aínda que o equipo non depende de si mesmo, chega ao final da competición vivo na loita. E iso é moito máis dos que algúns esperaban tan só hai unhas semanas.

Un Celta moi efectivo e un Sergio estelar foron as chaves dun partido no que o Sevilla mereceu o empate até o segundo gol do Celta pero o de Catoira por tres veces desbaratou as opcións duns andaluces coa mente máis en Munich que en Vigo.

Sen Maxi, Aspas desatouse, foi o verso libre do equipo e aproveitou cada espazo e cada contra para crear perigo e marcar. O primeiro marcouno Arana en propia porta, pero el estaba xa listo para empurrar o balón no caso de que o brasileiro non chegase. O resultado é abultado pero perfectamente necesario para subir a moral dun equipo irregular esta tempada e que necesita estar a tope para o apretado final que queda por diante. É paradoxal, por outra banda, que os doud hat-tricks de Aspas esta tempada chegaran todos sen Maxi no campo. O uruguaio é un fixo no once, pero despois do bo partido de Brais alguén sobra na ecuación e Sisto, que está a anos luz da súa mellor versión, ten todas as papeletas para ser o descarte con Maxi de volta.

Sen Maxi, Aspas desatouse, foi o verso libre do equipo e aproveitou cada espazo e cada contra para crear perigo e marcar

 

O fundamental, xogue quen xogue, é que o equipo saia ao campo enchufado. Non esquezamos que a primeira acción de perigo no partido foi unha ocasión clara de gol do Sevilla. E esas faltas de atención páganse caras. Fronte ao Leganes o vindeiro sábado non valen as dúbidas nin as especulacións, de novo toca traballar arreo e a vitoria é o único camiño posible. Se non se está ao 100% comprometido sempre é mellor deixar o sitio ao compañeiro. E diso sabe moito Mor que viu como perdeu a súa praza no once -e no equipo- por razóns disciplinarias xusto cando comezaba a despegar.

Europa pide o compromiso de todos, está á volta da esquina e o éxito pasa por deixar a un lado as dúbidas e as intermitencias que se viron este ano. Toca de aquí a final de tempada ver a mellor versión do equipo, a máis competitiva e intensa. Hai que soltar a melena dunha vez, afiar as gadoupas e deixar atrás os momentos grises para poñer o turbo. Quedan sete xornadas, sete finais e toda a ilusión do mundo por ver o equipo paseando de novo pola vella Europa.