Lamentarse do que puido ser e non foi leva á nada. Lamentarse do que non se pode cambiar só crea frustración. A tempada do Celta é a que é, canto antes o asumamos, antes comezará o traballo para mellorala. Eu non son das que pensan que está a ser unha tempada tan desastrosa. É unha tempada normal en termos numéricos, o esperable. O do ano pasado, aínda que me repita, foi unha excepción. O Celta leva salvado xa unhas xornadas e aínda, pese a todo, ten opcións -moi limitadas- de meterse en Europa. Semella que ninguén quere a sétima praza.

O problema non son os números, o problema é a atitude e o lamento vén porque a sensación é que este equipo non explotou como debería este ano tendo a dupla letal Aspas-Maxi. Quizáis falta de motivación? Falta dun obxectivo claro polo que loitar? Falta de ambición? Moitas preguntas e poucas respostas que levan directamente a partidos nefastos do equipo este ano como contra o Alavés, Getafe, Girona ou máis recentemente Málaga ou Leganes. Pero na falta de motivación non só inclúo a xogadores e corpo técnico, penso que os afeccionados tamén tivemos parte de culpa niso. Nunca se viu Europa como unha posibilidade plausible e real. Aquí viría a pregunta de que foi antes, o ovo ou a galiña? A afección respondeu a falta de estímulos que o equipo lles mandaba ou precisamente foi a falta de ‘calor’ nas gradas de Balaídos o que levou ao equipo a caer na desidia. Pregunto. Creo que foi un pouco unha mistura de todo e de nada.

O problema non son os números, o problema é a atitude e o lamento vén porque a sensación é que este equipo non explotou como debería este ano tendo a dupla letal Aspas-Maxi

 

O comezo da tempada coa marcha de Berizzo comezou xa descafeinada. En ningún momento xogadores e corpo técnico deixaron claro o obxectivo polo que loitar, sempre se falou de Europa coa boca pequena, sen ambición. Sen realmente ser quen de atraer público a Balaídos, a xestión da masa social por parte do clube tivo tamén a súa parte de culpa. Problemas co estadio aparte, o Celta nunca é quen de ver o esforzo da grande maioría dos seus afeccionados e segue a ofrecer prezos difíciles de entender cando o equipo non xoga competicións europeas. A entrada a Balaídos este ano foi demasiado baixa para un suposto equipo europeo e iso está directamente ligado á planificación social e deportiva do clube. E niso non hai 'peros', é así. O afeccionado non se implica porque o propio club non o fai. E iso é algo que debe mellorar desde xa, sempre a mesma asignatura pendente ano tras ano.

Na falta de motivación non só inclúo a xogadores e corpo técnico, penso que os afeccionados tamén tivemos parte de culpa niso. Nunca se viu Europa como unha posibilidade plausible e real

 

Non penso que o partido en Vila-Real fose tan desastroso como moitos cronistas suxiren. Pero si foi un reflexo desta tempada: un querer e non poder. Na primeira metade o Celta fixo moitas cousas ben, loitou e mereceu marcar máis dun gol pero tivo a súa dose de mala sorte co penalti que o árbitro non viu e, como unha lacra continúa nos últimos anos, os fallos en defensa condenaron vilmente o equipo. A segunda metade xa sobrou pero aínda así a atitude xeral do plantel foi mellor e máis razonable que en moitos encontros este ano. Non creo sinceramente, aínda que os números digan o contrario, que o Celta chegue a Europa. Realmente non fixo méritos para logralo. Só agardo que deixemos os lamentos atrás e o Celta se poña a traballar desde xa con ambición e determinación nunha nova tempada con ilusións e obxectivos claros e asumibles.