#onosoderbi pasou por Balaídos con pena e sen gloria. Vinte minutos duroulle ao Celta a intensidade e a motivación necesaria para enfrontar un partido considerado como o máis importante do ano. Falaban as previas dun derbi 'descafeinado' e foi si, pero para o Celta. O equipo volveu ofrecer de novo unha imaxe pobre de solemnidade, sen a atitude necesaria para 'matar' o partido cando tivo a ocasión. Sen tensión e sen ideas. Finito.

 

E esta é xa unha historia demasiada repetida este ano. Falta de xogo, de intensidade, de ideas e, sobre todo, de motivación que leva ao equipo a vagar polo céspede nos últimos minutos do partido. Repasamos cada fin de semana a mesma película, demasiadas veces como se a nosa vida fose a de Bill Murray no filme Atrapado no tempo. Ao final a base de cometer sempre os mesmos erros e de ver unha e outra vez os problemas do equipo, o afeccionado acaba desesperado ante a imposibilidade de ver algún cambio no xogo e a disposición dos xogadores no terreo de xogo. Non se pode xogar un derbi na casa como se xogou. Por respeto ao afeccionado e por respeto ás cores da camisola. O Deportivo era o equipo recén descendido que chegou a Balaídos a soportar as mofas do rival sen piedade pero o gol de Lucas no desconto foi un 'zasca' deses que resoan ben. Menos mal que a cousa quedou aí e xa non había tempo para máis. Vista a dinámica do encontro a derrota podería doer cruelmente en Balaídos.

 

Non se pode xogar un derbi na casa como se xogou. Por respeto ao afeccionado e por respeto ás cores da camisola

 

De novo o equipo volveu ceder puntos no final do encontro, e xa van innumerables veces esta tempada. E iso non é culpa de Unzué, é problema dos xogadores que están no terreo de xogo e desconectan. Porque hainos que desconectaron en moitos partidos. Quizáis máis preocupados polo seu futuro que por rematar decentemente esta tempada. A algún parece que non lle dan chegado as vacacións. Pódense contar cos dedos dunha man os xogadores que merecen ser destacados nos últimos encontros do equipo e Brais está sempre presente. O seu compromiso, a súas gañas deberían ser un exemplo para o resto do equipo, empeñado en ter un lugar no once, e merecéndoo pola súa entrega cada vez que está no terreo de xogo.

 

Brais é unha das esperanzas dun clube que debe reflexionar no verán que quere ser e a onde quere ir, sen medias tintas. Se Europa é un obxectivo debe quedar claro ao inicio da tempada, claramente. Non valen os "xa veremos onde nos leva o ano" porque moi probablemente acabaremos perdidos na clasificación sen obxectivo ningún. O Celta precisa líderes dentro e fóra do terreo de xogo, un equipo ilusionado e ilusionante que devolva ao clube e á afección o ton competitivo que tanto faltou este ano.

 


 



x