É doloroso ver ao Celta sufrir sendo dominado na casa polo Getafe. É doloroso ver a xogadores referente desesperados no terreo de xogo, sen rumbo e demasiado exaltados en momentos nos que terían que ser quen de manter a calma e a pausa no encontro. É doloroso, en fin, ver ao Celta tan perdido na súa idea de xogo e sen saber qué facer co balón.

Un equipo que non está 'xeneticamente' creado para abusar de balóns longos e estratexias defensivas sofre sen a pausa do balón. Esta plantilla está chea de talento para 'mimar' o balón, darlle forma ás xogadas, crear beleza e rematala cos killers Maxi e Aspas. Eso é para o que está feito o Celta, para dominar os encontros a través do balón non para un xogo tan directo que deixa de ser crible. En 90 minutos de xogo o Getafe foi quen de crear suficientes ocasións de gol para gañar -merecidamente- o encontro. Sacou ao Celta fóra do partido, que se perdeu en discusións absurdas. Nin sequera o gol de Maxi foi mérito celeste, senon un fallo sonoro de Soria. Esa foi a única cousa positiva do encontro para os locais, o fallo dun porteiro. Ilustrativo.

É doloroso, en fin, ver ao Celta tan perdido na súa idea de xogo e sen saber qué facer co balón

 

E a partir de aí toda a 'luz' futbolística foi para os madrileños. O Celta escondeuse tras un fútbol sen rumbo, sen idea, con infinidade de fallos non forzados e mensaxes contradictorias desde o banco que pouco axudaron a darlle forma ao equipo. O Celta descentrouse cada vez máis para acabar case pedindo a hora. E o máis preocupante é que é difícil imaxinar á que quere xogar Antonio Mohamed, cal é a solución e a idea final que ten para este Celta. O positivo é que intenta cada partido buscar solucións a través de homes como Jensen e cambiando a formación. O negativo é que el parece tan perdido como os xogadores no terreo de xogo.

Pero se perdido están os xogadores e o corpo técnico, parte da afección semella tamén bastante fóra de sitio e de contexto. Que son sempre os que máis ruido fan cando non toca. Ás veces pregúntome se os 'asubiadores' oficiales de Balaídos viviron algunha vez os momentos máis escuros do Celta en Segunda cando o equipo coqueteaba coa Segunda B. Pregúntomo porque vendo a reacción de onte creo que imaxinan que o Celta vén dun pasado de opulencias e luxos. Non. Somos os obreiros do fútbol de élite, aos que nunca lles cae o premio gordo, aos que lles toca sufrir aínda cando as cousas van ben. Os que loitan no desanimo e para os que Europa segue a ser un premio precioso pero non o estado natural do equipo. Un equipo que sofre non necesita que parte da súa afección o afunda con apupos, precisa, máis que nunca, un berro alentador. E habelos hainos pero, coma sempre, os de sempre son quen de silenciar o ánimo con ruído bruto e ensordecedor. Deixemos xa de imaxinar o que non somos, só así seremos quen de chegar a onde merecemos.