Punto de inflexión para o Celta

María Sabarís - Xornalista


Catro pinceladas, dúas obras mestras e unha gran vitoria. Resumo dun encontro que deixa o alivio dos tres puntos e un salto na clasificación necesario para agochar o nerviosismo e as présas das últimas semanas. Pero, pouco ou case nada muda a respecto da proposta futbolística dos anteriores encontros. O Celta segue sen verse cómodo no terreo de xogo. Sería vantaxista ver no 4-0 contra o Eibar unha mudanza de rumbo.

O resultado, por avultado e enganoso, non é un reflexo do que os dous equipos ofreceron no terreo de xogo. É, por contra, a mostra tanxible da capacidade goleadora e de liderado de Iago Aspas, o home que salvou un punto de partido fundamental. E iso demostra moitas das realidades deste Celta, que Aspas é aínda máis importante do que se pensa, e, co día inspirado e metros para correr, é letal. Especialmente atento cando é o home referencia, sen Maxi tivo liberdade para moverse á perfección nos últimos metros. A outra realidade é que o Celta afoga no medio do campo, que o balón non flúe, que se perden moitos, que non hai unha comunicación necesaria para construír un xogo 'alegre' e dominante. O Eibar pecou de brando nos últimos metros e iso salvou o Celta. Mellorou en defensa, si, pero grazas á inoperante dianteira eibarresa.

O resultado, por avultado e enganoso, non é un reflexo do que os dous equipos ofreceron no terreo de xogo

 

O partido deixa ademais serias dúbidas sobre o papel de Maxi. Unha vitoria tal con Aspas marcando tres goles de CF [Centre Forward, dianteiro centro] pon a Mohamed ante a gran pregunta de se debe seguir Aspas de dianteiro centro ou voltar á banda. Esa pregunta evitable pero necesaria. Maxi é fundamental neste Celta e é responsailidade do adestrador sacar o mellor dos homes de referencia no equipo. E, dadas as probaturas do arxentino, non é descartable unha mudanza de sistema e de idea.

O pulo positivo despois da vitoria debería de ser un punto de inflexión cara aos próximos dous encontros na casa, fronte á Real Sociedad na Copa e o Betis o vindeiro domingo. A Copa, ese título tan ansiado é unha boa 'excusa' para mudar a dinámica futbolística gris na que se atopa o equipo. Sen a presión dos puntos e con case nada que perder, facer un bo papel na copa debe servir de estímulo para deixar atrás as malas sensación das últimas semanas e afrontar a liga con enerxías renovadas.



x