Planificación nefasta e un ano salvado in extremis por un Aspas que segue a ser o faro máis clarividente deste Celte. E pouco máis. Ese é o decepcionante resumo dunha nova tempada para esquecer, non só polos malos resultados senón pola case ausente boa imaxe do equipo. Non conseguiu o Celta ilusionar a bancada, nin desde o campo nin desde os despachos. Só nos últimos encontros apareceu un pouco desa afouteza, que sempre está e que nunca se rende, para salvar un chisco da decencia que por historia e tradición lle pertencen ao Celta e a súa xente.

O curso insulso rematou cunha reválida falida contra o Rayo. A oportunidade de recompoñer a imaxe amosada en Bilbao e en moitos outros campos este ano. A oportunidade de pechar o ano cun partido digno e unha vitoria de confianza. Nada foi tal. O Rayo volveu levar o Celta a un océano de dúbidas e faltas de concentración. O empate serviu, sobre todo, para consolidar a Aspas entre os máximos goleadores da liga con 20 tantos, e para nada máis. Devólvelle á afección a sensación de que a este Celta lle queda un verán por diante para ser repensado e estudar moitas das materias que lle quedaron pendientes. Entre elas, a de ter claros os obxectivos do ano.

O Celta necesita entender o que é. Cal é a súa esencia. Cal é a súa misión e a súa visión de futuro entendendo o seu pasado. Todo. Non só o recente. As semifinais da Europa League non son a realidade do Celta, non podemos entender iso como o estado natural das cousas. A ambición do equipo ten que ser a máxima pero a presión dunha posible competición europea sempre acaba levando ao Celta por camiños pedregosos e sinuosos. Primero o primeiro e despois Europa. 

A planificación do banquiño foi nefasta, Mohamed foi un personaxe extravagante chegado das Américas para dar clases dun fútbol tan incomprensible como intelixible. Cardoso era unha peza que podía e debía encaixar neste Celta, por filosofia e por concepto de fútbol, pero foi predicar a un deserto no que o único oasis secou coa lesión de Aspas. O equipo afundiu sen el e Cardoso foi a vítima colateral. Escribá chegou quizais demasiado tarde pero a el quédalle o mérito de ter sido quen de deixar o equipo en primeira. Aínda que os erros rivais tiveron máis que ver na 'fazaña' que os acertos do equipo. Hai demasiados xogadores que non estiveron ao nivel desexado, máis preocupados en ir tomar o sol á praia e en dietas estrafalarias que en exercer a súa profesión con dignidade. 

O Celta debe facer limpa, poñerlle o cartel de 'transferible' a un feixe de xogadores que entenden pouco de humildade e compromiso e centrarse nos que si conviven diariamente co traballo duro, entre eles Brais Méndez, o último damnificado dunha parte da afección inxusta e infame. Quen lle pita a un rapaz de Mos, criado nos campos da Madroa, entende pouco de que vai esta película. A película dun equipo modesto que ás veces vive aventuras insólitas en Europa pero para o que o día a día é sobrevivir na liga e ir abrindo camiño con ilusión e paseniño a outras metas maiores. A liga remata e con ela a decepción da xente. O bo dun final é que sempre hai un novo comezo con ambición e rutas por explorar. Depende do Celta saber cales son e como quere transitar por eses camiños de ilusión.