Un gol de rabia, de desconformidade, de necesidade inesperada, de loita e, sobre todo, de unión. O gol contra o Sevilla foi a consecuencia desexada dun encontro que o Celta xogou co corazón, no que o fútbol pasou a un segundo plano e no que a única misión era gañar. De nada valían os lamentos e as críticas do capitán Hugo Mallo nos días anteriores se o fin non eran os tres puntos. O equipo saíu a loitar, por fin. E loitou até o último folgo. Deixou atrás a 'depresión post gol' dos últimos encontros e soubo xogar cos tempos e coa vantaxe no marcador. Soubo, basicamente, sufrir.

Mallo, Okay, Cabral e Araujo foron os líderes deste Celta, xogadores bravos que entenderon que nos momentos de dúbidas non serven as escusas. O capitán foi máis ca nunca capitán, atento a cada circunstancia do xogo, atento aos compañeiros, atento a mente 'turbulenta' de Pione e atento a manter no partido a cada un dos afeccionados que o sábado acudiron a Balaídos. Non existiu relaxación, pediu compromiso e compromiso obtivo. Empezando por el mesmo, que despois da seu particular desconexión, apareceu na súa mellor versión nun partido chave. E foi quen de devolverlle ao equipo a comunión coa afección. Importante foi tamén o papel de veteráns como Cabral que asumiu o seu papel de líder e amosou unha das súas mellores versións na tempada.

A equipo e afección tócalle limpar os 'chakras'

 

A celebración do gol de Okay foi reflexo de esa unión necesaria. Un berro de descarga anímica e moral. Unha celebración para unha situación impensable ao comezo da tempada cando nin sequera a opción de loitar por non descender entraba nos plan do imaxinario colectivo. A vitoria contra o Sevilla permitiralle ao Celta pasar a semana fóra dos postos de descenso pero mirar cara Europa non é agora viable. Non digo imposible, pero debemos entender o esixente dunha liga na que o que se relaxe, perde. Esta tempada extremadamente igualada non ten tregua e a especulación e a falta de concentración sairá cara, como xa estamos a ver.

A equipo e afección tócalle limpar os 'chakras', buscar o balance entre eles e devolver á mente e ás pernas a un estado de normalidade cotiá. Deixar atrás a sobreexcitación, o estrés, os pitos e os reproches. Volver xuntarse, ter obxectivos -realistas- comúns. En definitiva, 'resetear' o disco duro e mirar cara adiante con optimismo pero sen esquecer que só mantendo os pés na terra os logros chegarán.



x