Sinais de vida insuficientes

María Sabarís - Xornalista


A  versión optimista do 'novo' Celta de Escribá amosa a un equipo máis compacto e máis intenso. Un Celta máis compensado sabendo cando defender e cando atacar sen abusar dunha cousa ou da outra.Incluso esta versión ofrece unha mellor versión de xogadores como Juncá e Maxi que apareceu e pelexou máis e non estivo tan afastado e illado do resto do equipo. Junca non pareceu tan distraído defensivamente e, aínda que non correu demasiados riscos en ataque, estivo decentemente colocado. Está é a versión positiva, á que aspira o Celta pero da que o domingo fronte o Betis veuse demasiado pouco. Albiscouse unha intención, unha idea pero demasiado difusamente.

A versión negativa, á que segue a parecerse ao Celta das últimas semanas, impúxose en moitos dos minutos de xogo, descolocado nalgunhas situacións e sen recursos á fronte. Aspas segue a ser unha luz demasiado forte e necesaria para a capacidade goleadora do equipo. Brais segue a non saber ao que xogar sen el e Boudebouz e Boufal non son quen de amosar algunha ameaza co balón. O marroquí pérdese demasiado en toques infinitos e aporta pouco ao fútbol do equipo e o arxeliano nin sequera compareceu fronte ao seu ex equipo. Boudebouz estivo desaparecido, sen ideas e sen capacidade de empurrar ao equipo, nin en defensa apareceu. Escribá mantivoo no encontro 64 minutos, demasiados visto o visto.

A desgraza do Celta é que non ten extremos determinantes, Pione segue a non dar noticias e a única peza que lle queda ao equipo por explotar é Jensen. E nel hai demasiadas esperanzas postas, demasiada presión e demasiados anhelos. O danés precisa de minutos e confianza para ser un xogador importante para a creación ofensiva do equipo. Mentres o Celta non sexa quen de ter unha mente pensante no ataque seguirá tendo os mesmos problemas nos últimos metros, sendo incapaz de ser unha ameaza real para os riváis.

Está claro que un adestrador non pode cambiar un equipo en catro días de adestramento. Parece sensato pensar que eses raios de optimismo que se viron en varias fases do encontro contra o Betis poidan ser unha constante nos próximos encontros con Escribá máis asentado en Vigo. Semella igualmente razoable que o Real Madrid con Zidane de volta e o Bernabeu non son o mellor escenario para cambiar a dinámica do equipo. Pero o Celta non pode renunciar a conseguir puntos, debe loitar e entender que a intensidade e a presión non poden ser negociables. Perder en Madrid non será unha desgraza pero calquera impacto positivo será un pulo para saír do pozo no que xa está de facto o equipo.