Sobrepoboación defensiva nun Celta frustrado

María Sabarís - Xornalista


Ás veces pregúntome canto e como estudan os adestradores aos rivais. Ou se en realidade os estudan. Antonio Mohamed tívolle medo a un Valencia sen pegada e errou na súa planificación do encontro. Regaloulle 45 minutos a un rival deprimido. Concedeulle unha vantaxe innecesaria que lle deu ao Valencia unhas ás que non tiña. O Celta era un equipo demasiado curto no medio do campo, sen proxección en ataque e con todos os espacios do mundo para sufrir. E sufriu. Descoseuse e amousou unhas costuras demasiado febles. Pero esa falta de 'gol' que viña amosando o Valencia deulle unha vida extra ao Celta que Aspas soubo aproveitar case no desconto. E grazas.

O Celta ten un bon plantel, para min é un dos equipos máis compensados da Primeira División pero é traballo do adestrador utilizar as pezas xustas para que non se estorben entre eles. E o mércores estorbáronse. Okay non funcionou, demasiados xogadores cubrindo o mesmo espacio do campo, demasiados desaxustes e demasiada falta de comunicación. O equipo quedou demasiado atrás, incapaz de saír. Mallo e Junca foron máis dous laterais inmóbiles que dous carrileiros vivaces. A defensa foi moi lineal, moi pechada, moi sen ideas. Beltrán estaba demasaido 'atado' para conectar boas ideas con Aspas e Maxi, que estiveron gran parte do encontro a 'velas vir'. Aspas nervioso, frustrado, buscando balóns que non chegaban e coqueteando cunha segunda amarela. Así durante casi 60 minutos, o Valencia perdoando e o Celta loitando por saír do burato negro onde levaba metido desde o asubio inicial.

O Celta é para min é un dos equipos máis compensados da Primeira División pero é traballo do adestrador utilizar as pezas xustas para que non se estorben entre eles. E o mércores estorbáronse

 

Pero, si, a actitude deste equipo é innegociable. A mellor e máis constante virtude que leva amosado o equipo até o de agora. E esa intensidade e actitude positiva acompañado dun cambio lóxico de sistema deulle ao Celta recursos para loitar polo empate con mellores argumentos. Sen Okay no campo o Celta ordenou as pezas, Sisto foi o enlace necesario e ansiado nos primeiros minutos. Beltrán acabou pechando outro encontro para enmarcar creando a acción do gol e Aspas volveu ser o salvador deste equipo. A pesar do gol e do ansiado empate, o Celta acabou sufrindo. Quizáis o medo de novo nublou Mohamed. Sentou Aspas e con Junior no campo o equipo voltou a sufrir co Valencia tendo unha gran ocasión para levar o encontro.

A priori e fóra de contexto un empate en Mestalla é un gran punto. E visto o encontro foi un gran punto. Pero o encontro debe servir como reflexión. Dá moito para pensar na planificación fallida do partido. O Celta gañou un punto porque non renunciou nunca ao gol pero atopou demasiados problemas e nunca estivo cómodo nun partido que mereceu gañar o Valencia. Para pensar.