Un empate sen 'peros'

María Sabarís - Xornalista


 

Un punto necesario nun campo complicado. Seguramente a frase máis repetida nas últimas horas na contorna celeste. E, seguro, a máis representativa da realidade na que vive o equipo. Nesta ocasión o Celta non deixou marchar dous puntos, conseguiu un, pero ben valioso, nun campo sempre complicado e malicioso para o Celta no que foi quen de puntuar desde o 2009.

 

Polo momento e as circunstancias do equipo precisaba o Celta, máis ca vitoria, impactos positivos, boas sensacións, saír dun partido sen ser superado polo rival ou afundido polo árbitro. Rematar un encontro con once e coa sensación de non ter perdido o control do partido en ningún momento.

 

O empate en Mendizorroza ten moito de salvador e reconstituínte, polo cómo e onde se conseguiu

 

O empate en Mendizorroza ten moito de salvador e reconstituínte, polo cómo e onde se conseguiu. E tamén polo sufrido, no que o traballo defensivo do equipo foi chave. De novo Cardoso apostou por xogar con tres centrais e de novo o equipo respondeu cunha imaxe sólida e crible. A mesma que amosou no desgraciado partido en Getafe, no que Cardoso probou este novo sistema e o equipo amosou consistencia nas tarefas defensivas. Incluso Junca, demasiado descolocado sempre nas súas tarefas de cubrir a banda, semella un pouco máis asentado neste sistema. O trío Araujo-Hoedt-Costas fixo unha boa actuación defensiva. Mallo volveu pelexar e traballar para o equipo sendo o líder que este Celta precisa, sempre.

 

Lobotka e Okay volveron amosar que cando o Celta precisa de músculo no medio, eles son a parella necesaria. É certo que Okay non pechou o seu mellor partido pero ofrece máis recorrido e solucións que un Jozabed demasiado intermitente nos encontros e demasiado desconectado ás veces. Beltrán non é mala solución tampouco pero é un xogador máis necesario en campo contrario, sempre é un recurso axeitado para o traballo e a loita, non se rende e iso nun partido como o de onte é especialmente apreciado para aportar osíxeno desde o banco despois do esforzo físico que tivo que facer o equipo.

 

O de onte foi un empate que deixa más información positiva sobre o equipo que negativa

 

Incluso Maxi, nun partido difícil para un dianteiro centro, ofreceu unha imaxe correcta nas axudas defensivas traballando para e por o equipo, sabendo onde axudar e como axudar. O gol non estivo preto pero o contexto do partido pedía máis un home de forza en tarefas defensivas que un goleador. Está claro que ao Celta lle falta dinamita nas últimos metros. Cardoso probou con Jensen que deixou un traballo decente despois de levar case medio ano sen xogar un partido de inicio. Notouselle falto de forma pero non desentoou. Boufal, pola súa banda, quedou no banquillo e unha vez no campo voltou amosar a súa insistencia en driblar e driblar sen sentido para nunca atopar solucións. O marroquí traballa arreo pero pérdese demasiado en florituras innecesarias.

 

Así e todo, como digo, o de onte foi un empate que deixa más información positiva sobre o equipo que negativa. Deixa abertas portas para a tranquilidade pero axuda a non desprenderse da delicada situación do equipo ao que lle tocará traballar para saír dos postos baixos da clasificación. A actitude dos xogadores no campo, unidos e solidarios, anima a pensar que o obxectivo é posible.



x