As vitorias 'molestas' do Celta

María Sabarís - Xornalista


 

Existen por Vigo e arredores personaxes empeñados en ver o equipo afundir nas culpas de xogos mellores e épocas excepcionales, que, polo feito de selo crean precedentes perigosos que non deixan separar ben o gran da palla. E empéñanse machaconamente en denunciar as supostas miserias do equipo cando é quen de gañar sen deixar ao espectador coa boca aberta. Si, gañar sufrindo, como a maior parte dos equipos deste mundo ao que chamamos globo terraqueo. A memoria do 'pobre' é fráxil, esquece rápido as amarguras de loitar ano si, e ano tamén, por manter a categoría. Esquece os momentos de penurias económicas. Esquece as faltas de planificación dun clube que xogou durante moitos anos á 'creatividade' financeira. Esixe desairadamente a uns traballadores un compromiso extremo que é probablemente máis do que eles lles ofrecerían. É penoso, diría, ofrecer sempre o pau no canto de darlle, de cando en vez, cenorias ao equipo. Un equipo, non nos equivoquemos, que fixo máis do deportivamente esperado o ano pasado. As semifinais de Copa e Europa League non son, a día de hoxe, o estado natural do Celta. Non. Aínda que moitos se empeñen en vender esa película frustrante. Sempre buscando culpables, sempre buscando balas ás que pór no disparador de saída. Antes foi Berizzo, agora é Unzué. Eses que tanto critican a xestión de Unzué son os mesmos que hai tres anos pedían a 'cabeza' de Berizzo despois de 11 xornadas sen gañar, pero que agora o veneran. Son os mesmos que asubían o equipo en Balaídos cando está a empatar co Barcelona, os mesmos de sempre. Pasarán os anos e non cambiarán, e sempre atoparan o 'pero', a crítica fácil a un equipo que fixo moito máis do deportivamente esixible.

 

As semifinais de Copa e Europa League non son, a día de hoxe, o estado natural do Celta. Non. Aínda que moitos se empeñen en vender esa película frustrante

 

O partido contra o Levante non foi bo. Ese é un feito inapelábel. Pero foi unha vitoria fundamental nunha das semanas máis complicadas no ano. O esforzo do equipo xogando cada tres días contra Barcelona, Real Madrid e Barcelona foi descomunal, tendo en conta ademais os resultados. A vitoria, non realmente merecida, serve de compensación a tantas outras derrotas inmerecidas, incluido o empate contra o Real Madrid a semana pasada. Pero este é o Celta que necesitamos, o que sabe sufrir e pelexar até o final. Rubén foi o mellor xogador dun equipo que voltou amosar a grande eficacia marcando na -case- única ocasión do encontro. E este Celta é válido e é necesario para resolver encontros difíciles como o de Valencia.O Celta tería perdido de xogar como os primeiros partidos desta temporada. Esa falta de solidez en defensa que tanto se lle criticaba, nesa ocasión con razón, está a madurar e chega no momento crucial da tempada para afrontar a segunda volta da Liga. Segunda volta na que o equipo ten todo polo que loitar e, si, a pesar dos 'cinzos', Europa aparece no horizonte como un obxectivo real.



x