Non se escandalicen de que lembre as consignas de Goebbels: "unha mentira repetida mil veces convértese en verdade". Aínda que unicamente chamemos nazis aos nazis, estas estratexias goebbelianas de repetir o que se sabe falso son as empregadas polos Trump, Bolsonaro, ou máis perto Abascal e Casado. Levamos anos escoitando as ladaíñas da dereita sobre galego, catalán ou eúscaro, porén na escalada verbal das últimas semanas destaca a afirmación de Abascal de que en Álava, onde naceu, "non se pode escolarizar os nenos en español".

Malia as refutacións de distintas webs (como maldita.es) e medios de comunicación, a publicación dos datos que mostran a existencia, en Álava como en todo o País Vasco, de tres modelos, A, B e D, correspondentes a ensino en castelán, parte en castelán e parte en eúscaro, e en eúscaro, nin Abascal nin o seu partido rectificaron. Para que? a mentira xa está rolando e os datos do Instituto Vasco de Estatística –neste curso 19 centros de Álava ofertan o modelo en castelán e hai 13.183 persoas matriculadas nel– non interesan.

Esa é a diferenza entre cometer un erro, equivocarse, e difundir embustes de propósito. Se cadra porque, de atender aos datos, Abascal tería que dar conta das 31.409 persoas que optaron polo modelo D, de que a escolla do ensino en eúscaro aumenta de ano en ano. A contar mentiras, a manipular a información, incita o Manual de comunicación de Vox, publicado polo diario.es: "se nos queremos queixar do asfaltado dunha rúa, relacionámolo co uso de cartos públicos para fines (...) subvencións a partidos separatistas ou a organizacións feministas radicais". Sobra dicir que eses programas e declaracións están orixinalmente en castelán.

Na competencia por ver quen é máis españolista, Casado propón unha lei na que o castelán sexa a lingua vehicular da administración e da educación. Non é –ou non é unicamente– unha gaitada nun mitin ou nun almorzo con xornalistas: o apartado 12 do punto 1, "Comprometidos con el fortalecimiento de la Nación", do programa do Partido Popular indica que "desenvolveremos o artigo 3 da Constitución a través dunha Lei Orgánica do uso do castelán como lingua oficial do Estado"; "Só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, polo menos, en castelán", e "Os sinais, paneis e placas urbanas e interurbanas, utilizarán sempre, polo menos, o castelán". Tamén dixo Casado que o coñecemento das linguas cooficiais non pode ser unha obriga senón, en todo caso, un mérito.

Chamar "desenvolver" a unha involución que nos faría viaxar na máquina do tempo pouco menos que á situación pre-autonómica é unha mostra máis de como retorcer a linguaxe. Desenvolver é facer que algo progrese, todo o contrario do que se pretende neste programa. De levarse adiante suporía que os actos administrativos, por exemplo unha voda, un contrato, un testamento, carecerían de validez de seren realizados en galego. E os sinais? Volveremos ver "Sangenjo" a carón de Sanxenxo, "Mugía" a carón de Muxía?

Este apartado 12 finaliza afirmando "Ninguén poderá ser multado ou sancionado por utilizar o castelán". Isto dá a entender que na actualidade hai persoas multadas ou sancionadas por falar castelán, o que non é certo. Por outra banda o castelán está protexido polo artigo 3 da Constitución que fala do dereito a usalo. O que o PP esquece nesa proposta que chaman "desenvolvemento" son os puntos 2 e 3 do mesmo artigo: o 2 declara cooficiais as demais linguas e o 3 afirma "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección". Vese que algúns partidos son constitucionais unicamente para o que lles interesa.

Para finalizar, unha precisión sobre unha andrómena de baixa intensidade, as apelacións ao chamado voto útil. Acudamos ao dicionario, útil é o que reporta beneficios. Dubido de que fose útil o voto que axudou a que esteamos na OTAN. É pouco útil un voto que non vai servir para que se denuncie o Concordato coa Igrexa.