En Galicia coñécese ben a forza das mareas.

En Galicia coñécese ben a forza das mareas. Durante séculos utilizouse nos muíños de marea para moer o gran. Cada gota é pequena, o conxunto ten unha potencia inmensa. O gran que precisamos reducir a foula neste intre é duro e resistente: as políticas antisociais responsables, entre outras cousas, da emigración de milleiros de mozas e mozos galegos por falta de traballo na nosa terra; do saqueo da gandeiría galega por parte de industrias e distribución, o que ameaza con despoboar –aínda máis – o rural galego; do desmantelamento dos servizos públicos, sanidade, educación, en favor dos negocios privados.

Levar esta forza ao parlamento español, obxectivo da candidatura En Marea, pretende trasladar alí esta innovación política na que Galicia representa a vangarda. Galicia é onde houbo máis mareas municipais, candidaturas cunha forte presenza cidadá, e con máis éxitos, como desaloxar ao PP dos gobernos de A Coruña, Compostela e Ferrol. As novas formas de facer política deben contar moito máis coa cidadanía que, nunha democracia de calidade, debe ter canles de participación e non limitarse a votar cada catro anos.

Sería desexable unha meirande participación da cidadanía non afiliada a partidos, por exemplo mediante primarias abertas nas que se poida votar a persoas, non unicamente listas completas

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega decidiu esta semana participar no proceso de En Marea, xunto coas mareas municipais Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común, e os partidos Anova, Esquerda Unida e Podemos, proceso ao que esperamos se sumen outras mareas e axentes. É unha participación crítica, reflectida nos resultados de 60% a favor de participar e 40% a favor de non participar (sempre chamando á cidadanía a votar ás forzas de ruptura). Unha síntese pode ser que, por unha banda, valóranse aspectos deste proceso, como a unidade entre forzas nacionalistas e non nacionalistas, a participación dos espazos de unidade existentes, é dicir as candidaturas municipais, o nome En Marea, sen referencia a ningún partido (a de Galicia é a única candidatura na que Podemos participará sen figurar o seu nome), ou o obxectivo de acadar un grupo parlamentario propio e, por descontado, a paridade entre mulleres e homes nas listas. Por outra banda, entre os trazos mellorables polos que seguiremos pulando, sería desexable unha meirande participación da cidadanía non afiliada a partidos, por exemplo mediante primarias abertas nas que se poida votar a persoas, non unicamente listas completas. É importante tamén articular procesos de toma de decisións estratéxicas con participación de todo o espazo, non só polas direccións, e de rendición de contas tamén ante o conxunto. Nós confiamos na cidadanía, nos movementos sociais, pois neles residen forzas transformadoras que poden mudar a política. Cómpre asegurar a participación da cidadanía, mobilizar a súa ilusión e capacidade anovadora, e a candidatura das autonómicas debería avanzar nesta dirección. Deste modo poderá acadarse esta marea galega que colabore en arrincar do poder a forzas que encarnan a corrupción e o caciquismo, a xentes que cren que ofrecer a unha muller traballo a cambio de sexo é un asunto privado. Que arrombe isto como arrinca o mar as algas guindándoas na praia.