Escoitamos algunha vez promesas electorais deste teor? “Cando goberne retirarei recursos das escolas públicas, recibirán un 7% menos que ao inicio da crise, hai dez anos. Haberá menos docentes, menos profesorado de apoio para atender as necesidades especiais. Aumentarei en cambio os cartos para as escolas privadas”. “No programa levo a redución dun 15% no financiamento das universidades públicas. Non se creará ningunha nova, como xa ocorre desde hai vinte anos. Favorecerei a aparición de universidades privadas, que desde 1998 aumentaron de sete a 37, eliminando as esixencias de investigación, cualificación do profesorado e ensino presencial esixidos ás públicas”.

“Reducirei os investimentos no Sistema de Saúde Pública, era dos mellores do mundo e non precisa máis cartos. Se necesitan cirurxía ou asistencia poden ir aos centros privados, aos que se destina máis do 10% do financiamento da sanidade, converténdoos nun suculento negocio”.

Aínda sen faceren as promesas, estas reducións correspóndense coas actuacións dos gobernos de dereitas

Aínda sen faceren as promesas, estas reducións correspóndense coas actuacións dos gobernos de dereitas. Adoitan prometer baixadas de impostos e, no caso de gobernar, hai veces en que mesmo os baixan, sobre todo os directos. Porén, uns coñecementos elementais de matemáticas levan á conclusión de que se ingresan menos cartos, haberá menos cartos para manter servizos públicos esenciais, como sanidade, educación, o pago das pensións ou as axudas á dependencia. Cen euros son cen euros, e se quitamos vinte quedan oitenta. Por iso a baixada de impostos é unha medida populista e profundamente reaccionaria. +

Probabelmente as lectoras e lectores de Sermos concordarán comigo na análise referida ás administracións. Con todo, hai tamén unha parte que corresponde a cada persoa e a pregunta entón é, por exemplo, se pagamos as facturas con IVE ou sen el. No imaxinario social está difundida a imaxe de que a xente espilida aforra uns cartiños evitando o IVE, mentres que pagalo é de persoas medio parvas. Fachendear das trampas para pagar menos na declaración da renda ou traballar en negro está ben visto. No entanto estas decisións individuais, igual que as decisións políticas sobre impostos, contribúen ao conxunto de ingresos dun país.

Defendo os impostos, e ao mesmo tempo critico o uso que gobernos de distintas cores fan dos orzamentos públicos

Cómpre advertir que defendo os impostos, e ao mesmo tempo critico o uso que gobernos de distintas cores fan dos orzamentos públicos, por exemplo, asignando unha mordedela desmesurada ao exército e aos gastos militares. Na mesma dirección, é necesaria a eliminación dos privilexios económicos dos políticos; así, o menor número de anos que precisa un deputado para ter dereito á pensión máxima, en comparación co resto da poboación.

Outras decisións individuais que facemos exercendo –ou non– un consumo responsábel son as de aloxarnos en hoteis e pensións que pagan taxas, mellor que en pisos turísticos. Estes poden converter Santiago de Compostela, a cidade na que vivo, nun lugar inaccesíbel para a veciñanza, contribuíndo a que mude nun parque temático. De momento, por fortuna, aínda non temos Uber nin Cabify. Porque o low cost sempre leva consigo un alto custo para alguén. Para o Concello, no caso dos aloxamentos, que deixa de ingresar taxas. Para as traballadoras e traballadores, que sofren condicións próximas á escravitude, baixos salarios, horarios que superan con moito oito horas diarias, falta de seguridade, necesidade de se inscribir como (falsos) autónomos, etc.

Como pode un salón de peiteado low cost anunciar cortes de cabelo a seis euros e tinxidos a cinco?

Para empresas ou negocios equivalentes ás que resulta imposíbel a competencia: Como pode un salón de peiteado low cost anunciar cortes de cabelo a seis euros e tinxidos a cinco? Supoño que sen pagarlle ás peiteadoras ou utilizando estudantes en prácticas. Como pode unha empresa de roupa vender vestidos a oito euros ou camisetas a 5,95? Deslocalizando a produción, fabricando en países onde as nocións de salario mínimo ou seguridade social son descoñecidas. É unha cuestión de certa complexidade; ao tempo, eses traballos son os únicos ao alcance de quen viven neles. O camiño é reivindicar salarios e condicións de traballo dignos, tamén neses países.

[Este artigo de opinión foi previamente publicado no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza]