Unha condición para podermos realizar aventuras, soños ou fitos científicos é crer que somos capaces de facelo. A confianza en nós mesmas exprésase no lema de NOSA Axencia Espacial Escolar Galega: "Cos pés no chan e os ollos nas estrelas". Esta convicción, poñer os ollos nas estrelas coa vontade de chegar alá arriba –sen deixar de asegurar os pés no chan– fai posíbel, por parte de alumnado de institutos públicos de Galicia, construír anualmente desde o curso 2015-2016 unha cápsula espacial e enviala á estratosfera. As sondas levan o nome, respectivamente, de MarumaSat I, II e III; en maio de 2019 terá lugar o lanzamento do MarumaSat IV. Chámanse así polo Instituto de Ensino Secundario Maruxa Mallo, de Ordes, onde naceu o proxecto.

 

NOSA ilustra as novas formas de aprender ciencias, matemáticas, tecnoloxía, enxeñaría

 

NOSA ilustra as novas formas de aprender ciencias, matemáticas, tecnoloxía, enxeñaría, o que ás veces é denominado polo acrónimo inglés STEM, emprendendo proxectos interdisciplinares nos que o alumnado deseña solucións a problemas prácticos, en casos como este construíndo aparellos ou dispositivos que funcionan. Outros proxectos que coñezo teñen un funcionamento limitado ao interior do centro escolar, así un xerador a partir de enerxía eólica (na práctica, a corrente de aire dun secador), un aparello para conseguir auga potábel por condensación ou un pequeno forno solar. O extraordinario de NOSA é ter a súa mira nas estrelas, nun voo suborbital, desbordando os límites da escola. Proclama ao mesmo tempo a súa fachenda de ser unha axencia espacial Escolar, e por tanto, implicitamente a idea de que a escola está inserta na sociedade, é parte dela, na escola apréndense, fanse cousas que teñen continuidade cos problemas e situacións da vida. E Galega, da vida en Galicia, da capacidade de Galicia de enviar satélites ao espazo.

 

Da potencia da proposta, sendo quen de espallar estas ideas máis alá do seu berce de Ordes, dá idea a incorporación de novos IES ao proxecto. En 2016, cando dous docentes de matemáticas e tecnoloxía que participaran na construción do MarumaSat I, Xosé Díaz e Raquel Rendo, marcharon do Maruxa Mallo aos seus novos destinos, Marco do Camballón (Vila de Cruces) e Miraflores (Oleiros) respectivamente, transportaban na equipaxe o entusiasmo polo proxecto. Da cooperación entre os tres xurdiu a Axencia Espacial NOSA. Logo sumaríanse outros centros de secundaria e un Centro Público Integrado.

 

As ciencias son útiles na era da post-verdade cara a desmontar falsidades ou prexuízos

 

O pasado 11 de febreiro NOSA celebrou en Oleiros o seu terceiro congreso, ao que tiven a honra de ser convidada para falar do pensamento crítico, de como pensar criticamente coas ciencias. Pois, malia algunhas disciplinas facer propaganda de que só con elas se aprende a pensar, as ciencias son útiles na era da post-verdade cara a desmontar falsidades ou prexuízos. Unha falsidade que resultaba acaído criticar o 11 de febreiro, día das mulleres e as rapazas nas ciencias, é precisamente que as mulleres non posuían capacidade de seren científicas, como defenderan entre outros Marañón ou Nóvoa Santos. Dificilmente podían demostrar o contrario se até 1910 lles estaban vedados os estudos na universidade e mesmo en secundaria. Unha conclusión que podemos tirar de NOSA é que as rapazas poden tomar parte nas prácticas científicas igual que os rapaces. Iso é aprender ciencias, resolver problemas, levar a cabo experimentos, recoller datos, tirar conclusións.

 

No congreso presentáronse exemplos de todas estas prácticas por parte de pequenos equipos de alumnado, demostrando unha grande capacidade de comunicar. Pois o proxecto é interdisciplinar, e nel colaboran materias de lingua galega, robótica, matemáticas e tecnoloxía. Cómpre subliñar matemáticas, xa que outra conclusión de NOSA é que as matemáticas son interesantes, útiles por exemplo para calcular as ecuacións que permiten enviar a sonda á estratosfera. Isto contrariamente ao estereotipo decote reiterado que presenta as matemáticas como unha materia aburrida e difícil. Parabéns pois a todas as persoas empeñadas na NOSA: Vento nas velas do MarumaSat IV!