Camiño rúas descoñecidas no afán de alargar o mapa emocional co que buscar a paz. Consulto os itinerarios recomendados, mais procuro nas fendas: detéñome baixo os niños das andoriñas para retratar as osgas indiscretas ou paro o coche no medio da estrada para coñecer a andoriña dáurica ou contemplar o vo do abelleiro tan escaso entre nós.

Por iso as imaxes que vou gardar non teñen monumentos coñecidísimos e si os versos da varanda de cristal que delimita os postos de lectura da biblioteca de Sines: Ana Luísa Amaral, María Teresa Horta, as Tres Marías. Versos que fun lendo mentres me achegaba á sala en que reproducían o concerto de Kronos quartet e saltaba na cadeira ao escoitar de novo “A casa do sol nacente”.

O caso foi que ese traxecto azaroso foi coma o mapa do tesouro que me conduciu até o andel das novidades onde un retrato nunha portada tirou da miña curiosidade. Era a novela “Ele” de Cláudia de Campos, escritora de Sines que viña ao mundo o mesmo ano que Alejandra, a primoxénita de Rosalía de Castro, que na altura regresaba a Galiza.

Maria Cláudia de Campos Matos publica o seu primeiro libro, “Rindo: contos”, sete anos despois de falecer Rosalía, en 1892. Nese momento tiña trinta e tres anos e había catro que se divorciara xudicialmente do seu marido. Un feito insólito naquel tempo. Como reaccionarían os seus coetáneos? Podemos imaxinalo. O feito é que esa realidade biográfica é a que sustenta a súa novela “Ele”, a máis coñecida, a máis polémica, porque, malia mudar os nomes reais por nomes ficticios, as persoas e os lugares de Sines que atravesan a novela eran ben recoñecíbeis. Até entón, a súa vida fora como a de moitas outras mulleres, casou con dezaseis anos e aos dezaoito tivo unha filla. Mais ela, unha muller formada e de ampla cultura, decidiu pór remate a ese matrimonio con vinte e nove anos. Entón foi cando comezou escribir.

A novela “Ele” publícase no derradeiro ano do século XIX, cando Cláudia de Campos contaba corenta anos e xa era recoñecida como escritora e como feminista (formou parte da dirección da Secção Feminista da Liga Portuguesa da Paz). En 1906, no xornal Vanguarda lemos: “D. Cláudia de Campos é uma das mais distinctas escriptoras portuguezas. Verdadeira personalidade de artista a escrever, sem se deter ou preocupar com os preconceitos que dominan o nosso meio…”

A través da reportaxe de Joana Beleza (Expreso, 24/11/2016) sabemos que en 1895 de Campos era a única muller publicando na revista “A leitura”. Ao seu lado figuraban nomes como Stevenson, Tolstoi ou Mark Twain. Ela escribía: “há muito que formulei este axioma e dele me não desdigo: um homem estúpido é duas vezes mais estúpido que uma mulher que o seja”

Quen quixer pode achegarse á súa novela (está accesíbel na páxina do concello de Sines, que a reeditou). Como leo nas diversas referencias que puiden atopar, non é unha autora de primeira fila, mais iso non debe privala da lembranza que merece e que, co mesmo ou menor motivo, reciben autores do seu tempo. De certo existen outras autoras de maior relevo e máis próximas no tempo a Rosalía que reclaman a nosa atención, mais chegamos a elas tirando desta sedela e, ademais, facendo miñas as palabras de Teresa Almeida recollidas por Joana Beleza (pois onde ela di portuguesa nós podemos colocar galega ou, por que non, universal): “todas as mulheres que escrevem têm necessidade de se filiar numa tradição que tem que ver com as autoras que escreveram em português”. “Portanto, descobrir uma nova escritora é muito importante para aquelas que escrevem hoje em dia, porque existe uma espécie de orfandade na literatura nacional.”

E esta foi a miña bagaxe de regreso, o que eu trouxen da última viaxe ao sur, un pouco menos de orfandade e un novo fío para seguir a agrandar ese cobertor que precisamos.